Obradoiro "Descúbreas" en Vigo

A sede da Deputación de Vigo acolleu esta mañá un obradoiro da segunda edición de “Descúbreas”, o proxecto da institución provincial e Regala Música para potenciar e visibilizar o talento feminino no eido musical.

22/08/2022

Obradoiro Descúbreas en Vigo  

As deputadas Vicky Alonso e Ana Mejías deron a benvida ás persoas asistentes, entre elas seis artistas que están a ser mentorizadas actualmente e tres máis da anterior edición. “Estes obradoiros están enfocados a que vaiades dando pasos no mundo da música e coñezades as súas circunstancias”, explicou Alonso, mentres que Mejías destacou que “Descúbreas é un programa que a Deputación fai con moitísimo cariño para que as mulleres encontren o seu espazo na música, porque a súa presenza é de xustiza e o máis importante é o talento”. Ademais, salientou a importancia de coñecer os aspectos técnicos que hai detrás dos escenarios “porque o mundo real da música é o profesional, que ten unha parte técnica, loxística e organizativa”.


O taller tiña por título “Os teus primeiros concertos” e foi impartido pola promotora Aitana Cuétara e por Yolanda Boullosa, de Músicas ao Vivo. Centrouse nos detalles da comunicación e presentación das artistas e bandas á hora de dirixirse ás promotoras, caché e outras cuestións económicas, loxística e aspectos técnicos e legais.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.