A Deputación destinará 220.000 € para continuar profesionalizando o “exitoso” modelo de Oficinas de Turismo Info Rías Baixas

Carmela Silva: “Temos un proxecto moi potente, que iniciamos no 2018, e que nos ten convertido xa nun caso de éxito único en Galicia”

18/03/2022

Info Rías Baixas

 

 “Temos un proxecto moi potente, que iniciamos no 2018, e que nos ten convertido xa nun caso de éxito único en Galicia” asegurou Carmela Silva ao referirse ás oficinas da rede Info Rías Baixas para as que a Xunta de Goberno vén de aprobar subvencións, por valor de 220.000 € e por concorrencia competitiva, para a prestación dos servizos de información e atención ás persoas visitantes.  Xunto con estas axudas que veñen de ser aprobadas, a presidenta adiantou que están tamén en marcha “proxectos moi potentes para avanzar na dixitalización das oficinas da rede, impulsar a calidade da información turística e recoller datos seguindo os procedementos do big data, tratando a información para tomar decisións intelixentes”.

Carmela Silva recordou que, en soamente tres anos da posta en marcha deste modelo de oficinas “único en Galicia” a través do cal se está a proporcionar “información homoxénea, rigorosa, de calidade e a transmitir a imaxe de que somos un grande destino”, a Deputación de Pontevedra ten sumadas á súa rede 33 oficinas, 30 en concellos e 3 de Turismo Rías Baixas, e 11 delas conseguiron a Q de calidade.  Todas elas poderán beneficiarse destas axudas que a Xunta de Goberno vén de aprobar e que permitirán contribuír ao financiamento dos custos salariais de persoas empregadas públicas que presten servizos de atención ao público ou daqueles derivados da contratación da prestación deste servizo. Amais, ao longo do ano, a institución provincial tamén se encargará de dotar de vestiario ao persoal que atenda as oficinas da rede, así como de subministrar o material turístico, sinalizar os espazos de información e instalar tótems dixitais interactivos en 21 destas oficinas no marco do proxecto Tourist Inside que financia Red.es.

Os recursos que recibirán as entidades beneficiarias destas subvencións oscilarán entre os 7.000 € (para afrontar os custos dunha persoa traballadora) e os 14.000 € (aos que optarán aqueles concellos declarados “municipios turísticos” que poderán optar a axudas para ata dúas persoas).  Tal e como informou a presidenta, para beneficiarse destas axudas as persoas que atendan as oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas deberán contar coa Diplomatura ou Grao en Turismo; Ciclo Superior en Guía, Información e Asistencia Turística; Ciclo Superior en Comercialización Turística e Guía; e Certificado de Profesionalidade en Promoción Turística Local e Información ao/á visitante. “Queremos xente moi capacitada –remarcou Carmela Silva- para poder proporcionar unha información turística clave e que as persoas que nos veñan visitar se vaian cunha boa imaxe da profesionalización do noso sector turístico”.  

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.