A Deputación avanza na gran operación ambiental para a rexeneración da Xunqueira de Alba

A Administración provincial mantén os prazos para rematar o bosque de ribeira no espazo natural no primeiro trimestre de 2023 coincidindo coa entrada en servizo do novo parque de maquinaria en Barro

09/09/2022

Rolda de prensa

A Deputación continúa dando pasos adiante para completar a gran operación medioambiental da rexeneración da Xunqueira de Alba cun gran bosque de ribeira na confluencia do río Rons co Lérez que substitúa ao espazo ocupado actualmente polo Parque de Maquinaria e a Imprenta provincial. A presidenta, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente, César Mosquera, anunciou que as obras, xunto coa estrea do novo parque de maquinaria en Barro, estarán rematadas “no primeiro trimestre de 2023, sempre que non xurdan complicacións”.

Carmela Silva, que insistiu na cautela á hora de falar de prazos, revelou que xurdiron algunhas dificultades, que xa están solucionadas, na execución dos alicerces do futuro parque de maquinaria no polígono de Barro, obrigando así a recalcular a estrutura a solo areoso. Non obstante, para manter o cronograma previsto, a Deputación trasladará provisionalmente o parque de maquinaria da Xunqueira ao centro Príncipe Felipe durante uns meses, para liberar os terreos e facilitar así que a demolición do vello parque como a súa posterior rexeneración ambiental se fagan á vez que a nova nave de Barro. Ademais, a presidenta deu conta de que o Goberno ten decidido manter o servizo da Imprenta provincial, que se mudará de xeito definitivo ao Príncipe Felipe.

Investimento de 3,6 millóns de euros

O investimento total nestas actuacións, que rematarán coa “devolución” á cidade dunha ampla contorna natural desecada en 1965, é de 3.624.000 euros. Carmela Silva salientou que trátase de “grandes novas para Pontevedra, que recupera un espazo natural moi importante”.

A presidenta tamén subliñou que a Xunta de Galicia vén de aprobar a “Estratexia Verde”, un documento que prevé a recuperación de 300 lugares entre os que figura a Xunqueira de Alba, “pero a realidade é que atopámonos con que a Xunta mantén alí infraestruturas sen que teñamos ningún coñecemento de que vaian actuar sobre elas; de aprobar documentos sabe moito o PP, pero nós preferimos actuar con realidades e dar un exemplo contundente de rexeneración medioambiental”.

Devolución dos terreos ao Estado

Carmela Silva tamén deu conta de que o pasado 30 de agosto asinouse a acta de reversión dos 14.673 metros cadrados das parcelas do Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, en cumprimento das previsións da Lei de Costas, entrega dos terreos que  facilitará os informes de Costas que son precisos para as obras de demolición e recuperación dos valores naturais pendentes.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera destacou que se están a dar pasos “nun tempo extraordinariamente de récord” para lograr que a Xunqueira de Alba sexa incorporado a dominio público para o uso e goce de toda a cidadanía, revertendo a ocupación do litoral que Pontevedra sufriu durante moitos anos. Segundo dixo, en relación á desafección de Costas e ao investimento para recuperar o espazo, a Xunqueira de Alba “ben merece” todos os trámites e custosos investimentos que se están a realizar por parte da Deputación.  “O alcalde dixo nalgunha ocasión que non lembraba rexedor que nos últimos 50 anos tivera un mandato sen recheos. Non últimos anos non se fixeron, e pola contra empezouse a reverter e a recuperar a contorna”, apuntou, para agradecer á presidenta toda a sensibilidade que amosou na petición de colaboración no proxecto Mosquera destacou, de feito, que o Concello de Pontevedra está a recibir da Deputación “todo o que precisa”, fronte á acusación inicial de que a maior parte dos fondos provinciais ían ir para Vigo. “Vai todo para quen o precisa”, destacou o nacionalista.

Por outra banda, o Pleno provincial celebrado hoxe aprobou a desafectación do servizo público da planta de aglomerado, a báscula de pesado de camións, o depósito de emulsión asfáltica e o surtidor e depósito de gasóleo do actual parque de maquinaria. Trátase do paso previo ao alleamento e posterior venda en poxa pública destes bens, que non van ser  trasladados ao novo parque de Barro por non ser necesarios, toda vez que a Deputación afronta a conservación das estradas provinciais dende o ano 2018 cos contratos dun acordo marco plurianual. A presidenta destacou que trátase dun novo paso para seguir avanzando “no importante”, que é a recuperación da Xunqueira.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.