Noticias

Os Bolechas rematan en Vigo o seu percorrido pola provincia xogando coa riqueza da lingua galega

A mostra interactiva sobre as variedades dialectais permanecerá na praza do Rei ata o 16 de decembro e polas tardes e durante a fin de semana está aberta a público familiar


05 decembro 2018
Os Bolechas

Desde esta tarde e ata o 16 de decembro a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego' permanecerá instalada na praza do Rei de Vigo para dar a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas. Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca –xa hai reservas de centros educativos de Vigo, O Porriño, Nigrán e Redondela- e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.

A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas esta tarde coa presenza das irmás e irmáns Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que viaxaron ata Vigo para darlle a benvida e saudar á rapazada e ás familias que se achegaron ata a praza do Rei. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o deputado de Cooperación, Carlos López Font, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.

Precisamente o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, fixo especial incidencia en que esta mostra "iniciou o percorrido en Pontevedra e remata en Vigo, que son as dúas grandes cidades da provincia e onde a súa presenza se fai máis necesaria, atendendo aos datos oficiais que indican que a perda de falantes en galego entre a rapazada é máis acusada nas contornas urbanas". Hai que lembrar que esta exposición comezara a camiñar en maio, na semana das Letras Galegas, na cidade de Pontevedra, e continuou o seu percorrido por Lalín, Vilagarcía de Arousa, Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas de Reis, Tomiño, Ponteareas, para rematar con esta última parada en Vigo.

Estrutura

A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás é o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego'. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura – estes últimos especialmente indicados para persoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista-.

O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase na entrada coa ‘Porta das palabras', onde as rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle unha zona paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro', concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Continua cunha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; cunha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; un gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; e unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, o gran mapa da linguas concibido como un xogo da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.

Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.


Novas relacionadas

Os Bolechas en Caldas

23 outubro 2018, caldas de reis, bolechas, gatíos, gatos, ghatiños