Noticias

Os centros de compostaxe comunitaria do Morrazo produciron máis de 85 toneladas de compost desde a súa posta en marcha

O persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación xestionou e controlou a compostaxe dunhas 250 toneladas de biorresiduos


23 agosto 2019
Composteiros comunitarios

Os centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza da Deputación instalados no Morrazo xestionaron máis de 252 toneladas de biorresiduos e produciron máis de 85 toneladas de compost sen cribar desde a súa posta en marcha.  Este dato facilitouse hoxe na charla sobre compostaxe realizada polas mestras e mestres composteiros provinciais, que estiveron en Cangas nas Xornadas Etnográficas do Morrazo dando a coñecer as vantaxes da compostaxe, un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable e máis económico que o actual.

Segundo explicou o persoal técnico, nestes momentos están activos nove composteiros comunitarios na comarca. Dous deles están instalados no concello de Bueu,  nas Lagoas (desde outubro de 2016) e na rúa Xosé María Estévez (desde abril de 2017), onde se trataron arredor de 72 toneladas de biorresiduos, é dicir, de lixo orgánico da veciñanza da zona (restos de comidas e vexetais) e de fracción vexetal (restos de podas e estruturante).

Estes residuos tratáronse in situ baixo a vixilancia das mestras e mestres composteiros ata que se converteron en compost e, polo tanto, se detraeron dos colectores verdes e non tiveron que ser enviados a Sogama. O resultado foi a produción dunhas 25 toneladas de compost groso, aproximadamente, das que unha parte se deixou en bruto para fertilizar xardíns e fincas, e outra pasou pola peneira para obter compost máis fino que se puidese utilizar en macetas pequenas.

Por outra banda, no concello de Cangas a veciñanza ten a disposición os centros de compostaxe comunitaria da avenida de Galicia, do xardín de Andrea e da avenida de Ourense, todos eles instalados en outubro de 2016. Desde entón, estes composteiros trataron máis de 116 toneladas de biorresiduos e produciron arredor de 39 toneladas de compost, que tamén se repartiron entre a veciñanza e os servizos municipais para o coidado dos xardíns públicos.

Finalmente, no concello de Moaña hai outros catro centros de compostaxe comunitaria. Os máis antigos están na praza 25 de xullo e na avenida Concepción Arenal e foron instalados en xullo de 2016 e en abril de 2017, respectivamente, cunha grande participación social e incluso unha horta urbana posta en marcha de forma paralela. Esta boa acollida levou ao Concello a aumentar o número de composteiros, instalando un de grandes dimensións na rúa Daniel Castelao (de dez módulos) no mes de febreiro deste ano, e outro no CEIP Reibón no mes de abril. En total, o persoal técnico da Deputación leva xestionadas alí unhas 65 toneladas de biorresiduos que supuxeron a produción dunhas 22 toneladas de compost sen cribar.

Con estes datos sobre a mesa, a mestra e o mestre composteiro da Deputación responsables da charla fixeron ver as claras vantaxes do modelo Revitaliza, que se basea no tratamento en proximidade dos residuos orgánicos mediante a compostaxe. Insistiron en que, ademais de converter os restos da comida e os vexetais nun recurso para producir compost e fertilizar a terra co seu beneficio ambiental, hai tamén unha vantaxe económica para as arcas municipais, xa que non é preciso recoller o lixo orgánico (afórrase o custo do camión), non hai que trasladalo a Sogama (afórrase o transporte) e non hai que queimalo (afórrase o custo da incineración).

Destacaron, así mesmo, que se en lugar de nove centros de compostaxe comunitarios na comarca o modelo estivese estendido de maneira global, atendendo as zonas densas mediante centros comunitarios e as zonas máis diseminadas con composteiros individuais para as casas con horta, os beneficios ambientais (produción de compost e eliminación de emisións de CO2) e o aforro serían exponenciais.

O persoal composteiro tamén destacou que a calidade do compost que se produce nos centros de compostaxe comunitaria de toda a provincia é moi alta, tendo a maior cualificación dentro dos parámetros esixidos pola Unión Europea. Subliñaron que se realizan analíticas periódicamente e que os datos se cargan nunha exclusiva aplicación móbil de maneira telemática para que a Deputación centralice os datos de todos os centros de compostaxe, seguindo o seu funcionamento e garantindo a trazabilidade dos lotes de compost producidos.