Noticias

Os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes poderán solicitar axudas á Deputación para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero

A Deputación de Pontevedra destina 150.000 euros para esta novidosa liña de axudas


08 mai 2016

A institución provincial, a través da súa Xunta de Goberno, vén de aprobar as bases reguladoras para a convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero. A entidade provincial destinará un total de 150.000 euros para esta liña de axudas do Servizo de Igualdade, que se veñen sumar tamén ao novidoso programa de subvencións para entidades sociais sen ánimo de lucro, ao que se destinan 85.000 euros e para o que aínda está vixente o prazo de presentación de solicitudes.

Mediante esta liña de subvencións, a Deputación financiará proxectos, programas e actividades que desenvolvan os concellos para a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia machista durante o ano 2016. Cada subvención outorgada terá unha contía máxima de 6.000 euros.

En concreto, e tal e como recollen as bases aprobadas, poderán presentarse os seguintes proxectos: actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; iniciativas xurdidas dos acordos das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero; accións para a mellora da atención integral ás vítimas; actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade; proxectos para mellorar a formación e orientación do emprendemento e inserción laboral das mulleres; accións para elaborar planos municipais de igualdade; actuacións para crear redes e servizos de apoio a mulleres; actividades de prevención e sensibilización no eido educativo; e campañas de difusión e sensibilización en materia de igualdade.

Unha vez aprobadas as bases pola Deputación, o seguinte paso será a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, e a partir de aí, o prazo para presentar solicitudes será de 30 días naturais.

Estas liñas de axudas enmárcanse na prioridade do novo goberno da Deputación de Pontevedra de impulsar as políticas de igualdade e que se materializou tamén na creación dun Servizo de Igualdade, antes inexistente, e dotado para este ano de preto de 800.000 euros. Nesta aposta pola igualdade, a Deputación tamén puxo en marcha a Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade María Vinyals, cuxo obxectivo é a formación gratuíta e de calidade en materia de igualdade, así como converterse nun lugar de encontro e intercambio de saber para os e as profesionais que traballan na loita contra a violencia de xénero.


Novas relacionadas