Noticias

Os grandes grupos de música galega estarán en todos os concellos da provincia grazas ao MUSIGAL

O orzamento deste programa, que acada a segunda edición, vén de ser incrementado ata os 518.000 euros


16 febreiro 2019
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta do Goberno provincial vén de aprobar a Resolución pola que se adxudican as actuacións ao abeiro do programa MUSIGAL, que pon en marcha o Servizo de Cultura e Lingua. Na mesma sesión tamén foi aprobada unha modificación das bases, co obxecto de incrementar o Orzamento ata os 518.000 euros para dar cabida a todas as solicitudes. O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, asegura sobre esta iniciativa que "é un programa, que lanzamos de xeito piloto no 2018 dentro do Ano da Lingua, consolídase agora neste Ano da Música atendendo á gran demanda de música profesional que nos trasladan desde os concellos".

Hai que lembrar que nesta edición se introduciran dúas novidades importantes, unha que estipulaba que cada concello da provincia só podería optar a unha actuación e, a segunda, que os grupos inscritos non poderían ter máis de cinco actuacións ao abeiro deste programa. O que si se mantén é a formula de cofinanciación entre a Deputación e os concellos e, ao igual que na pasada edición, o organismo provincial asume o caché do espectáculo do grupo ou artista, mentres que o Concello aboa a produción da actuación: equipos de son, luz, escenario e demais medios necesarios para o desenvolvemento da actuación. A este respecto, Xosé Leal indica que "volvemos insistir no compromiso dos concellos en relación á profesionalización da produción dos espectáculos, para concienciar sobre a importancia de ofertar servizos de calidade cos medios precisos para dignificar o labor do grande elenco de artistas que temos en Galiza".

A respecto do calendario aprobado na Xunta de Gobenro, foron dous os grupos que acadaron as 5 actuacións: Treixadura que actuará en Barro, Caldas de Reis, Cambados, O Grove e Redondela; e Roi Casal co espectáculo ‘Son galego/ Son cubano' que actuará en Cangas, Lalín, Nigrán, Poio e Vilanova de Arousa. Con 4 concertos son cinco os grupos: Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que actuarán en Bueu, A Estrada, O Rosal e Vilagarcía de Arousa; Verbena Galega, que pasará por Agolada, Pazos de Borbén, Pontecesures e Meaño; Óscar Ibáñez & Tribo que estará en Catoira, Mondariz, Moraña e Sanxenxo; A Roda en A Lama, Meis, Soutomaior e Valga; e Sondeseu Orquestra Folk de Galicia en Gondomar, Pontecaldelas, Ponteareas e Tomiño.

Con tres actuacións sitúanse catro formacións: Luar na Lubre que estarán na Cañiza, Ribadumia e Rodeiro; Amantes da Terra en Cerdedo-Cotobade, Marín e Vila de Cruces; Susana Seivane en Salceda de Caselas, Tui e O Porriño; e a Orquestra de Cámara Galega en Campo Lameiro, Crecente e Mondariz-Balneario. Con dúas actuacións son 5 os grupos: Leilía nas Neves e Portas; Budiño na Illa de Arousa e Salvaterra de Miño; Pepe Vaamonde Grupo en Dozón e Silleda; Ardentía en Fornelos de Montes e Oia; e Andrea Pousa con Banda na Guarda e Mos. Mentres, cunha soa actuación cóntase a Sés en Vilaboa; a Anxo Lorenzo Band en Moaña; 24 Instrumentos Populares Galegos en Cuntis; Festicultores Troupe en Covelo; Herdeiros da Crus en Baiona, Milladoiro en Arbo; e Roi Casal coa Xira 10º Aniversario en Forcarei.  Este ciclo de concertos comezará en abril e rematará en setembro.