Noticias

Os orixinais do Álbum Nós permanecerán expostos no Museo de Pontevedra ao menos durante cinco anos

Reformularanse as dúas salas do Sexto Edificio que acollen a obra de Castelao para incorporar as estampas que conforman este álbum


28 xuño 2017
Meu Pontevedra

Xusto un ano despois de se fixera público o seu achado, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, anuncia que os orixinais do Álbum Nós foron cedidos ao Museo de Pontevedra por un período inicial de cinco anos. Este anuncio realizouse esta mañá, aproveitando a data simbólica do 28 de xuño –día do plebiscito do estatuto de autonomía de 1936 e do traslado dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos Ilustres–, nunha rolda de prensa na que participaron, ademais de Xosé Leal, os comisarios da mostra "Meu Pontevedra", Ángeles Tilve e Xosé Manuel Castaño, e o director do Museo, Carlos Valle. Nos vindeiros meses está previsto que se reformulen as salas do segundo andar dedicadas a Castelao para incorporar estes orixinais, e que poidan visitarse despois do verán. "O equipo do Museo realizou un traballo arduo e complicado, e despois de negociar moito tempo conseguimos esta cesión por cinco anos, que esperamos sexan prorrogables e culminen nunha doazón ou nunha cesión permanente" afirmou o deputado de Cultura e Lingua. Leal cualificou de "fito a destacar"  tanto a "descuberta do álbum o ano pasado con motivo da exposición "Meu Pontevedra" como agora esta cesión".

Hai que lembrar que desde 1924 e ata o ano pasado, non se volveran ver expostas as estampas que conforman o Álbum Nós de Castelao e desde a década de 1930 perdérase a pista do seu paradoiro. Grazas ao traballo de investigación do equipo técnico do Museo de Pontevedra, os debuxos orixinais foran localizados nunha colección particular o mes de marzo de 2016 e foron expostos no marco da mostra "Meu Pontevedra", que tivo lugar entre o 28 de xuño e 11 de setembro, e que conmemoraba o centenario da chegada de Castelao á cidade.

Pola súa banda, o director do Museo, Carlos Valle, asegurou que "para o Museo hoxe é un día grande" e que este material "vai completar o discurso expositivo que temos nas salas Castelao". O director aproveitou ademais para lembrar que "todo o importante sobre Castelao está custodiado por e no Museo de Pontevedra".

"Meu Pontevedra"

Hoxe tamén foi o día escollido para presentar a publicación derivada da exposición "Meu Pontevedra". "Trátase dun catálogo que evoluíu cara unha monografía e que achega moita documentación que antes non estaba estudada" indicou Xosé Leal. Os responsables foron os dous comisarios da mostra, Ángeles Tilve e Xosé Manuel Castaño, que fixeron un percorrido minucioso pola traxectoria artística de Castelao e a súa vinculación con Pontevedra nunha publicación con máis de 600 páxinas e que inclúe máis de 700 imaxes.

"Quixemos amosalo como un dos grandes a nivel internacional e esperamos que as persoas que consulten este libro teñan a sensación de estar ante un xenio" afirmou Ángeles Tilve. A comisaria definiu a Castelao como "un personaxe inabarcable" e louvou a súa capacidade de traballo tanto a nivel artístico como político e intelectual. A publicación inclúe apartados dedicados a diferentes facetas artísticas, como as estampas, a ilustración, as viñetas, o deseño gráfico, ou o Álbum Nós; as relacionadas coa súa participación en investigacións históricas e arqueolóxicas; a súa relación con entidades da cidade, como a Coral Polifónica, a Sociedade Arqueolóxica ou o Museo de Pontevedra;  a súa sinal no teatro; ou o seu liderado político no galeguismo.

Os comisarios tamén agradeceron a colaboración de todo o equipo do Museo para localizar documentación epistolar, tanto a correspondencia de Castelao con outros persoeiros contemporáneos seus, como as cartas de amigos comúns que falaban do artista entre eles. "Foi unha exposición complexa polo número de obras e a cantidade de información que manexabamos, e esa complicación trasladóusenos á organización deste libro" indicou Xosé Manuel Castaño.

Con motivo das efemérides de hoxe, esta noite ás 21:30 horas está prevista unha actuación da Coral Polifónica de Pontevedra, no Salón de Actos do Sexto Edificio.


Novas relacionadas

Museo

19 xaneiro 2018, museo de pontevedra, castelao, album nós
Meu Pontevedra

27 xuñ 2016, museo, escritores, museo de pontevedra, castelao, exposición, exposiciones, exposicións, lingua, ano castelao, año castelao, castelao artista, meu pontevedra