Noticias

Os postes de luz e teléfono da estrada provincial de Dorrón "serán historia" en 20 días

Fenosa está xa baixando cables da iluminación e Telefónica iniciará os traballos a vindeira semana


02 maio 2019

Os postes da luz e de telefonía situados no medio da calzada da estrada provincial de Dorrón (EP-9213) "serán historia" nuns vinte días. Así o indicou hoxe o persoal técnico do Departamento de Mobilidade da Deputación, que indicou que Fenosa xa iniciou traballos de reformulación e tendido e Telefónica comezará a partir do luns, logo de obter o permiso do Concello de Sanxenxo esta mesma semana.

O responsable provincial do proxecto destacou que as obras ‘civís' que correspondían á Deputación non poden avanzar máis, xa que agora é a quenda das empresas de servizos. No día de hoxe, de feito, Fenosa xa meteu parte do cable na estrada e iniciou as zapatas e as bases dos postes que subirán os tendidos soterrados da estrada provincial de cara ás vías municipais. Estas actuacións durarán unhas dúas semanas e media aproximadamente se a climatoloxía o permite.

Despois volverá a traballar a construtora contratada pola Deputación, Narom SL, para rematar as beirarrúas alí onde estaban os postes, estender o novo aglomerado da vía, colocar sinalización vertical e pintar a horizontal, así como instalar varandas. Estes elementos estarán finalizados un mes despois de que rematen as concesionarias de iluminación e telefonía, cando xa estea lista a totalidade da actuación.

Deste xeito, atenderase unha reclamación histórica da veciñanza: remataranse as beirarrúas creando un itinerario peonil continuo entre a PO-308 e o CEIP Magaláns, canalizaranse os servizos de forma soterrada, e retiraranse os postes de telefonía e iluminación que están no medio da calzada.