A Deputación e o concello de Vigo renovan o impulso ao ciclo “Outono Lírico”, organizado pola asociación Amigos de la Ópera

A programación, que se desenvolverá entre setembro e outubro, inclúe concertos, conferencias e proxeccións de cine, así como a primeira representación en Vigo da última ópera de Verdi, “Falstaff”

05/08/2022

Outono lírico

No obxectivo de seguir a promover a cultura e  cooperar co fomento de actividades cara á dinamización económica e social de Vigo, a Deputación de Pontevedra renova como cada ano a súa colaboración co Concello no impulso ao ciclo “Outono Lírico”, que organiza na cidade a asociación Amigos de la Ópera e que se desenvolverá este ano entre os meses de setembro e outubro. A institución provincial vén de aprobar o convenio para esta iniciativa, cuxa programación inclúe unha decena de actividades, entre elas a primeira representación en Vigo de “Falstaff, a última ópera de Giuseppe Verdi, amais de concertos, sesións cinematográficas e tamén conferencias relacionadas con esta disciplina artística.

Deste xeito, as actividades do “Outono Lírico” 2022, arrancarán o 29 de setembro coa charla que ofrecerá o experto en Wagner Darío Comesaña na sala de conferencias da Sede Afundación, titulada “De Dresde a Isolda: as cancións Wesendonk de R. Wagner”, con entrada libre. O músico alemán será tamén protagonista da seguinte xornada, o 1 de outubro, co concerto que a soprano Maribel Ortega e o pianista Carlos E. Pérez ofrecerán no Auditorio do Teatro Afundación, ás 20 horas.

O 8 de outubro, no Auditorio Martín Códax do Conservatorio de Música e con entrada libre, será a quenda das Novas Voces da Lírica Galega, coa actuación da soprano Emilia Pérez e o pianista Lucas López. E os días 11 e 13 do mesmo mes, celebraranse as sesións de cine no Auditorio Municipal do Concello de Vigo, con entrada libre e a partir das 20 horas. Na primeira xornada proxectarase “Falstaff”, de Orson Welles, traducida en España como “Badaladas á medianoite”, mentres que a segunda estará dedicada á proxección da representación operística, con “A vida breve”, de Falla.

Trala actuación o 15 de outubro do tenor Aquiles Machado e o pianista Kennedy Moretti no Auditorio do Teatro Afundación (20 horas) no concerto “Pegadas”, as últimas actividades do ciclo estarán centradas na figura de Verdi. Así, o día 29, na véspera da representación da ópera “Falstaff”, os directores e persoas do elenco da representación falarán sobre esta obra na sala de conferencias da Sede Afundación ás 19.30 horas, con entrada libre. E o día 30 terá lugar a representación da ópera no Teatro Afundación (19 horas), que servirá tamén para homenaxear e celebrar os 35 anos de carreira do barítono vigués Luis Cansino, un dos membros do elenco xunto ao tamén barítono José A. López, as soprano Leonor Bonilla e Carmen Solís e o tenor Francisco Corujo. Estarán arroupados pola Orquesta Sinfónica Vigo 430 e o Coro Rías Baixas.  

As actividades concluirán o día 31 coa charla que Victoria Stappells e Arturo Reverter ofrecerán na sala de conferencias da Sede Afundación (19.30 horas con entrada libre) sobre “Renata Tebaldi. A raíña do Verismo”.

Amigos de la Ópera é unha entidade sen ánimo de lucro que se dedica a fomentar o coñecemento e a difusión da ópera entre a sociedade viguesa, mediante a programación de concertos e outras actividades, a fin de promover a afección á música como actividade tanto cultural coma social. Amais do “Outono Lírico”, a asociación organiza ao longo do ano numerosas iniciativas que xiran arredor desta disciplina musical.