A Deputación inviste máis de 431.000 euros na pavimentación dos 12 km da estrada Rodeiro-Oseira

15/06/2022

Os case 12 quilómetros da estrada entre Rodeiro e o límite coa provincia de Ourense, en dirección a Oseira, están a ser reasfaltados pola Deputación de Pontevedra, que puxo en marcha un proxecto de 431.265 euros para garantir a seguridade viaria nunha vía que padece o desgaste do paso do tempo e a acción dos axentes meteorolóxicos. As máquinas comezaron estes días a traballar e o prazo de execución, diante da lonxitude da actuación, estímase en catro meses.

A obra abrangue a totalidade da estrada provincial dende a saída do centro urbano de Rodeiro ata o límite do territorio provincial e discorre de xeito íntegro polo concello rodeirense. Segundo o plan de aforos da Deputación conta cun tráfico medio duns 800 vehículos día, dos que algo máis dun 5% son pesados. Ao longo do seu trazado dá servizo aos núcleos rurais do Campo do Mato, Aldea de Riba, Senra de Baixo e de Riba, San Paio, Asperelo, Barrio e Couso.

O proxecto contempla a demolición do actual firme asfáltico, a escavación e fresado onde sexa necesario e a posterior aplicación dunha subbase de rachón para posterior aplicación de saburra, macadam e rega asfáltica antes de proceder á capa final de aglomerado asfáltico en quente. A actuación prevé tamén a instalación de tubaxes de PVC de 160 mm de sección para garantir a drenaxe da calzada, o pintado da sinalización horizontal e a renovación da sinalización vertical.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.