Noticias

Pazos de Borbén acolle mañá a mostra da Deputación "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar"

A exposición promovida pola institución provincial e a Universidade de Vigo, poderá visitarse na casa do concello desde este martes ata o 19 de novembro


29 outubro 2018
Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar

A casa do concello de Pazos de Borbén acollerá a mostra "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar", promovida pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo co obxectivo de darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño. O acto de apertura terá lugar este martes, ás 12 horas, coa presenza da deputada provincial Chelo Besada e do alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias. A exposición poderá visitarse no vestíbulo da casa do concello, en horario de 8:30 a 14:30 horas, de luns a venres, ata o día 19.

"Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" chega a Pazos de Borbén tras o seu paso por Poio, Mondariz, o Museo do Mar da Guarda, o Campus de Ourense, o Campus de Vigo e o de Pontevedra. De feito, foi neste último campus e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para darlle visibilidade ao papel da muller e á súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.

A mostra está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía, Aida Fernández. "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o ocultado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre as e os futuros profesionais e científicos.