Noticias

Pazos de Borbén pecha o Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra con dúas últimas achegas por preto de 75.000 euros

O Goberno provincial de Carmela Silva destinou este ano ao municipio case 700.000 euros, un 73,6 % máis que no ano 2017


08 novembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A deputada provincial Digna Rivas informou da aprobación, mediante dúas resolucións presidenciais, das últimas achegas do Plan Concellos 2018 para o municipio de Pazos de Borbén por un valor total de 74.895,14 euros. Trátase esta vez dunha axuda de 26.000 euros para poder levar a cabo os estudos previos pertinentes para redactar o proxecto de mellora no sistema de saneamento da vila, e outra de 48.895,14 euros para reparar o camiño municipal do Circo-Mosteiro-Borbén. Con estes dous últimos investimentos, Pazos de Borbén completa o Plan Concellos deste ano que supuxo unha financiación do Goberno de Carmela Silva para o municipio dun total de 685.564,73 euros, un 73,64 % máis que en 2017.

Na liña 1 de Investimentos, a Deputación destinou 42.733,17 euros para a reparación do camiño municipal de Alvite, entre Areeiro e Nespereira; 27.905,46 euros para a reparación do camiño entre Outeiro e a parroquia de Nespereira; 26.620 euros para a elaboración do inventario de bens municipais; 69.916,34 euros para a reparación do camiño municipal Eido da Col, e 29.034,62 euros para a reparación do camiño municipal do Eirado.

Ademais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 38.088,97 no que corresponde á liña 2, e tamén outros 90.456,42 euros que foron destinados á financiación da contratación de 16 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de Emprego.