As actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’ rematan esta fin de semana cun éxito absoluto de participación

As visitas a A Guardia e Oia e a Caminha, cun traxecto en barco ata o Forte da Ínsua, centran as propostas deste sábado e domingo

01/06/2023

Peche actividades ecoturísticas 2023

As actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’ van rematar esta fin de semana cun éxito absoluto de participación, xa que se cubriron todas as prazas ofertadas para cada fin de semana dende finais do mes de abril sempre en apenas minutos. En total 400 persoas gozaron de andainas e camiñadas, raftin, caiac, visitas culturais e a adegas realizadas para dar a coñecer o territorio transfronteirizo miñoto como destino turístico de natureza. As visitas a A Guardia e Oia e a Caminha, cun traxecto en barco ata o Forte da Ínsua, centran as propostas deste sábado e domingo.

Este sábado 3 de xuño a visita será a A Guarda e Oia: farase a ruta das cetáreas o do camiño de Santiago pola Costa, visitarase o Museo do Mar, unha adega da zona con degustación, o mosteiro de Santa María de Oia cunha ruta de sendeirismo que rematará nos petróglifos da Pedreira, para despois cear ao solpor na zona e realizar unha actividade observación astronómica. A xornada comezará ás 10 da mañá e rematará ás 24 horas.

Finalmente, a última xornada será en Caminha este domingo 4 de xuño, onde se fará unha visita guiada á vila, unha ruta de sendeirismo circular (6 quilómetros) na contorna da praia de Moledo, para rematar cunha visita ao Forte da Ínsua xusto na desembocadura do Miño, ata onde se chegará en barca.

Ata o de agora as actividades de ecoturismo que se celebraron consistiron nunha ‘andaina popular’ cun percorrido de 15 quilómetros dende São Sebastião, (Vila Nova de Cerveira ata Goián, (Tomiño), cruzando o Río Miño por un das súas pontes internacionais; unha ruta de sendeirismo pola chamada Senda dos Pescadores, para facer despois o treito inverso en caiac polo río; unha visita guiada á vila de Melgaço e o Solar do Alvarinho en Portugal para despois visitar o Museo Arabo do viño e a lamprea en Arbo, con rafting pola tarde; e unha visita a Monçao e Salvaterra. Farase unha ruta pola zona de Longos Vales, visitarase Salvaterra e o Museo da ciencia do viño cunha degustación.

A intención da programación é, atraer visitantes ao territorio do río Miño para amosarlles todos os seus atractivos e riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica dentro dun destino situado estratexicamente e compartido por dous países. Haberá actividades en Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, Melgaço, Salvaterra, Arbo, Monçao, A Guarda, Oia e Caminha. Búscase realizar un aproveitamento do potencial turístico da zona de maneira sustentable e racional para así garantir a calidade da oferta como un destino tranquilo e sen aglomeracións de maneira sostida no tempo.

O programa ‘Vive o Rio Minho’ realízase dentro do proxecto homónimo, cofinanciado con fondos FEDER a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, tal como xa se fixera na súa anterior edición en 2020, cando a pesares de estar en plena pandemia, fora un éxito de participación esgotando as prazas dispoñibles en apenas minutos.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.