Unanimidade do Pleno da Deputación para pedir a transferencia da xestión do dominio marítimo terrestre en apoio ao sector mar-industria

Carmela Silva trasladou todo o apoio da corporación pero denunciou “a utilización bochornosa do PP” e lamentou “a oportunidade perdida dunha foto conxunta con todos os grupos cando todos defendemos ao sector”

29/07/2022

Pleno

A corporación da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe por unanimidade a transferencia a Galicia da competencia sobre a xestión do dominio público marítimo terrestre en apoio ao sector Mar-Industria, que asistiu con varios representantes á sesión plenaria. A presidenta provincial, Carmela Silva, trasladoulles todo o seu apoio e o de todos os grupos políticos, sumándose ao posicionamento que xa fixeron os tres grupos políticos galegos e que foi referendado no Parlamento autonómico. “Nós non temos competencias neste tema, pero o sector pode estar tranquilo, teñen o apoio desta corporación e imos defender unha causa que consideramos xusta onde haxa que defendela”.

Carmela Silva lamentou o “intento de confrontación que quixo facer o Partido Popular sabendo como sabía que todos votaríamos a favor, o que xa fixemos en comisión a pasada semana”, e lamentou “a utilización bochornosa e partidista que quixo facer do sector cunha foto previa ao pleno que só buscaba lío na súa campaña permanente de acosar ao goberno do Estado e ao seu presidente”. A presidenta provincial pediu ás representación do sector Mar-Industria “que non se deixen manipular por un PP a quen lle importa moi pouco o que ocorra. Neste pleno non falaron dos problemas do sector, dos empregos que representa nesta provincia, da situación das empresas, só lles importa o ruído”. Por iso lamentou “a oportunidade perdida dunha foto conxunta con toda a corporación, que sempre e moito máis potente, e máis cando todos os grupos apoiamos ao sector”. Silva lembrou igualmente as súas reunións e compromisos co sector a quen trasladou tranquilidade. “Saiban que teñen as portas abertas, que defendemos á provincia e a Galicia e que teñen a seguridade e o noso  apoio sen fisuras”.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera: mostrou a súa incredulidade ante o que definiu como “o oportunismo do PP para montar alboroto cunha falta de rigor e seriedade que non lle fai ningún favor ao sector”. Mosquera lembrou que en 13 anos con Feijoo na Xunta “non reclamaron unha soa competencia e agora cando non nos gusta algo pedímola. A súa maneira de comportarse non é seria”.

O PP vota en contra da Tarxeta Básica para as familias vulnerables

O Pleno aprobou cos votos do PSDG-PSOE e do BNG a moción do goberno para instar á Xunta de Galicia a recuperación urxente para as familias vulnerables da tarxeta básica, e que se complete con outros 200 euros o cheque estatal aprobado no Decreto anticrise polo Goberno de España. O deputado Carlos Font alertou que “a Xunta está a deixar de lado a 3.500 familias da provincia que dispoñían da tarxeta básica” e cualificou de moi grave o carpetazo á única medida que había para as familias máis desfavorecidas”. O goberno tildou de “incualificable” o voto en contra do PP cuxo portavoz, Jorge Cubela, chegou a argumentar dicindo que no grupo popular non querían debate porque “tiñan présa” en chegar a outra moción que presentaban. Carlos Font cualificou de “vergoñenta” a actitude de Cubela para a situación de case 20.000 persoas na provincia que se quedan sin asistencia. “Alguén que di sen rubor que non lle interesa fixar posición sobre as necesidades das familias máis desfavorecidas, porque queren ir rápido para chegar á súa moción, está incapacitado para seguir en política”.

O deputado do goberno insistiu en que a Xunta ten que rectificar. “En Galicia esa tarxeta supón a dignidade de 57.000 persoas e só supón o 0,02% do orzamento da Xunta. Son tarxetas con cargas de entre 150 e 300 euros ao mes para ir ao supermercado e mercar comida ou produtos de hixiene, é dicir produtos de primeirísima necesidade. Teñen que mantela, dixo Font, e sumarse ás medidas que está a implantar o Goberno do Estado”.

Bonificar en Galicia o transporte público

O pleno da Deputación aprobou tamén instar á Xunta a que, ante a crise da inflación, se sume ás medidas do goberno de España e bonifique o transporte público con outro 30% adicional para que o desconto final a tódalas persoas usuarias chegue ao 60%. O deputado Carlos Font cualificou de “incomprensible” que mentres o Estado bonifica o transporte de competencia autonómica cun 30%, non existan medidas comparables por parte da Xunta “que, como sempre, prefire solucións anecdóticas como a Tarxeta Xente Nova que beneficia unicamente aos menores de 21 anos. A posibilidade de que a Xunta lance unha oferta semellante para as persoas traballadoras que precisan a diario do transporte público é inexistente”, apuntou.

A moción tamén reclama ao goberno galego accións urxentes para corrixir o mal funcionamento do transporte en Galicia “que está a xerar queixas por toda a provincia”. Font, que subliñou que “o Plan de Transporte da Xunta non contenta a ninguén”, recordou as múltiples denuncias das e dos usuarios sobre a redución de frecuencias de autobuses en zonas da provincia, deficiencias nos horarios e frecuencias, recortes en conexións directas, a supresión de liñas escolares, cambios nas rutas, falta de marquesiñas, retrasos, etc… O deputado pediu á Xunta sensibilidade e responsabilidade, "ante o que son as súas competencias”, e  sinalou que “é necesario un plan rigoroso de transporte público galego, que analice todas as fórmulas posibles para darlle viabilidade as situacións de dispersión poboacional que temos no territorio”. Lembrou que “estamos ante novas realidades e necesidades da sociedade polo que é preciso que o goberno galego asuma a falta de iniciativa desenvolta ata o momento e sexa capaz de aproveitar de novo as oportunidades que brindan os recursos europeos para darlle un novo pulo a este sistema que quedou demostrado non está adaptado as necesidades reais dunha sociedade do século XXI”.

Na sesión, tamén se aprobou a incorporación de suplementos de créditos co obxectivo de canalizar unha maior acción cultural que se traducirá en atender as demandas de todos os concellos que solicitaron o programa “Tornar as Táboas”, e para a posta en marcha dun novo programa de cine musicalizado polas bandas de música da provincia. Esta potente iniciativa levarase a todo o territorio.

O pleno tamén deu luz verde ás dúas subvencións dos Fondos Next Generation á Deputación para os Plans de Sostibilidade Turística “Unha terra entre ríos” no Condado-Paradanta, e “Os Camiños por dentro” no Deza-Tabeirós-Terra de Montes. Suporán a mobilización de máis de 4,3 millóns de euros co obxectivo de impulsar os concellos do reto demográfico e apostar por comarcas do interior, menos desenvolvidas no turismo e que contan con activos sobrados no eido patrimonial e natural para xerar riqueza e emprego. Ambos os dous plans, con accións en 10 concellos de Condado-Paradanta e 8 do Deza-Tabeirós-Montes, partiron da análise do territorio, dun modelo de gobernanza cos concellos e sector que foron consultados na súa preparación e participarán agora na execución e na estratexia de abordar a transformación verde e dixital nos sectores estratéxicos desta provincia.

Finalmente, aprobouse  o proxecto de mellora de seguridade viaria na EP 2106 A Ramallosa- Parada, unha das actuacións máis esperadas en Nigrán, que mellorará as condicións de seguridade e mobilidade coa execución dunha senda peonil. A actuación ten un orzamento de 973.023 euros que financiará a Deputación nun 70% (681.116,37 €) e o Concello nun 30% (291.907,02 €).