Batería de medidas de aforro e eficiencia enerxética na Deputación para cumprir co decreto do Goberno

En todos os centros da institución se adoptarán sistemas de control de temperatura, apagarase a iluminación exterior e a interior polas noites, haberá cortes no subministro eléctrico e activaranse sistemas para a apertura automática de portas

06/08/2022

O goberno da Deputación de Pontevedra non só cumprirá co Decreto do Goberno de España para o aforro e eficiencia enerxética, adoptando as accións excepcionais sinaladas para as administracións públicas, senón que irá máis aló con medidas propias orientadas ao uso responsable da enerxía. Así, o goberno provincial ditou unha instrución xeral cunha batería de medidas cara ao persoal, que se aplicarán nas dependencias de traballo de todos os centros e servizos dependentes, como tamén nos edificios en cuestións como a iluminación.

Así, procederase ao apagado de toda a iluminación exterior dos edificios provinciais a partir das 22:00 horas. No interior das instalacións, apagarase toda a iluminación interior a partir da hora de peche de portas por finalización de xornada, reducirase a iluminación en zonas de paso con luz natural e incluso efectuarase un corte xeral de subministro eléctrico no sistema de climatización ás 15:00 horas e ás 20:00 horas. Por outra banda, instalaranse brazos articulados en todas as portas exteriores dos edificios, de non existir corta-ventos, debéndose manter o modo automático de apertura activado, e haberá cartelería en todas as instalacións da Deputación coas medidas a adoptar para o aforro enerxético. Tamén instalarase un control de temperatura no sistema de calefacción para garantir que os recintos calefactados non teñan unha temperatura superior a 19º.

En canto ás dependencias de traballo, o persoal non utilizará o sistema de climatización individualizada a unha temperatura inferior aos 27 graos, os ventiladores portátiles so se poderán utilizar nas oficinas nas que non exista sistema de climatización e sempre e cando a temperatura do aire sexa superior a 27º, e os radiadores portátiles tan so se poderán acender naqueles espazos nos que non exista sistema de calefacción central e sempre e cando a temperatura do aire sexa inferior a 19º.

A instrución xeral tamén contempla que co aire acondicionado prendido non poderán abrirse as fiestras e deberán manterse as portas pechadas para evitar perdas caloríficas. Igualmente, o persoal ao abandonar o posto de traballo procederá ao apagado do equipo informático e periféricos (monitores, impresoras...), salvo aqueles que por traballo en remoto deban permanecer prendidos, e se responsabilizará de apagar o sistema de iluminación dos despachos.

En todo caso, a Deputación xa ten adiantado desde hai dous anos boa parte do traballo en eficiencia enerxética. A institución está inmersa nun proceso de substitución de luminarias por lámpadas led no interior de todas as dependencias provinciais e en breve finalizará o cambio do cento por cento da instalación. En canto ao aceso de iluminación exterior, o Pazo Provincial xa dispoñía  de sistema de aceso automático que se acendía cando non había luz natural, reducíase ao 40% a partir das 00:00 horas e apagábase en canto amencía. Na sede de Vigo xa se apagaba pola noite. Agora, amais das novas medidas e horarios, tamén se cancelará a iluminación dos edificios provinciais que se facía en datas de especial relevancia.

O papel da Deputación vai máis aló das instalacións propias. Conseguíronse fondos do IDAE para eficiencia enerxética en iluminación sostible en 48 concellos da provincia que supón a substitución, xa feita ou en proceso, de case 20.000 luminarias; para a iluminación sostible de 371 puntos de luz en bens de interese cultural de 7 concellos; a substitución e instalación de caldeiras de biomasa en 10 concellos; e para a envolvente  térmica da Escola de Vilasobroso.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.