Noticias

O Pleno de Ponte Caldelas aproba hoxe as obras da praza de España, xardíns de Carballal e o Plan de Obras no rural

O Goberno local dará luz verde a uns investimentos de case un millón de euros repartidos equilibradamente entre o centro urbano e as parroquias


02 abril 2018
Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas celebra esta noite, a partir das 20.00 horas, unha sesión extraordinaria do Pleno municipal na que está previsto aprobar os proxectos de reforma da praza de España e dos xardíns de Carballal, así como o asfaltado e formigonado dunha vintena de camiños do rural. Tres actuacións de calado que significan un investimento total de 981.455 euros.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) deixará así os expedientes listos para a súa licitación inmediata, co obxectivo de que as obras de mellora nos pavimentos do rural comecen canto antes e de que a transformación urbana no núcleo central da vila arranque xusto despois das festas das Dores.

Coa aprobación plenaria quedarán cumpridos os requisitos legais derivados do elevado importe destas actuacións, destacadas non só polo seu importe, senón polo avance que supoñen para Ponte Caldelas. Ao tempo, é un paso máis na política de transparencia e portas abertas do actual equipo de goberno, propiciando o debate político non só nos asuntos ordinarios e regrados da vida municipal, senón tamén nas grandes actuacións.

A reforma da praza de España, cun orzamento de 382.125 euros, conta con financiamento do Plan de Reequilibrio da Deputación Provincial, e vai significar a semipeonalización deste espazo de 2.615 metros cadrados, agora completamente desordenado. Inclúe un carril de saída para avenida de Marín. Ao mesmo tempo, supón tamén a reforma do tramo da avenida de Vigo entre o cruce principal e o parque infantil, que quedará tamén cun tratamento semipeonil e dirección única.

O espazo dos xardíns de Carballal, obra dunha escola-obradoiro no ano 2004, vai quedar integrado coa nova praza de España e cumprindo un importante papel de conexión coa Alameda, da que agora está completamente descontextualizado. Nestes 1.332 metros cadrados proxéctase unha nova fonte de chorros, presidida pola escultura da troita. O orzamento é de 287.876 euros.

Todo o conxunto dará pé a unha gran praza central que contará con redes de auga e saneamento completamente renovadas, mobiliario urbano, iluminación de reforzo da existente e bolardos para separar os carrís de circulación dos espazos de peóns. Unha transformación que porá a Ponte Caldelas na liña do urbanismo do século XXI e acabará coa desorde e falta de planificación existente no espazo máis noble da vila. Todo elo coa Alameda como elemento central e protagonista.

O Goberno local tamén porá en valor durante o Pleno a decisión de trasladar a actual fonte do chafarís, cuxo vaso foi construído en 2004 pola escola-obradoiro, ao gran espazo entre o colexio Cordo Boullosa e o parque infantil. Ponte Caldelas gañará así unha nova praza que, no futuro, tamén será obxecto de melloras na súa calidade urbana, dada a súa privilexiada situación a carón do colexio, do instituto e do parque.

Por outra banda, o Pleno aprobará o proxecto de Obras no Rúral, valorado en 311.454 euros. Un completo plan de actuacións con cargo ao Plan Concellos da Deputación e que servirá para pavimentar os camiños de Silvoso de Arriba (2), Silvoso de Abaixo (2), Baltar, Coveliño (2), Forzáns de Arriba, Forzáns de Abaixo, Coto (Caritel), Laxoso de Abaixo (2), O Lombo e Avecil (Cuñas), Santa Ana (Buchabade), Taboadelo (2), Rebordelo, Esfarrapada, O Sobreiro (Xustáns), Pazos (2) e Tourón.

Con esta obra completarase o mandato do rural, no que se teñen acometido numerosas actuacións de corrección de deficiencias en pistas e camiños municipais que viñan acumuladas tras moitos anos de abandono. Cara o mes de outubro, o Concello aprobará un novo paquete de obras rurais, por importe de 98.603 euros, que tamén será executado de xeito inmediato.