Noticias

5.000 euros para que as familias do concello con poucos recursos teñan un Nadal digno

As solicitudes deben facerse nos Servizos Sociais


17 novembro 2019
Ponte Caldelas
Ponte Caldelas
As familias con poucos recursos empadroadas e residentes no concello de Ponte Caldelas teñen aberto o prazo para solicitar os cheques de axuda para compra de comida e produtos de primeira necesidade. O Concello de Ponte Caldelas vai entregar 50 cheques de 100 euros para gastar en Supermercados Froiz, que as familias beneficiarias poderán gastar en alimentos de primeira necesidade e tamén en produtos de hixiene persoal e doméstica de primeira necesidade.
A entrega da documentación para realizar a solicitude debe facerse nos Servizos Sociais do Concello e so poderán acollerse aquelas familias que entran dentro do Baremo Económico do Regulamento de Emerxencia Social Municipal. Hai que aportar documentación de toda a unidade de convivencia e os cheques iranse entregando por orde de solicitude, sempre e cando se cumpran todos os requisitos.
Os cheques son para familias empadroadas e residentes en Ponte Caldelas. Axudar ás veciñas e veciños do municipio con poucos recursos é algo imprescindible. Por iso, ano a ano, o Concello de Ponte Caldelas trata incrementar esta partida. De feito, dende a entrada na Alcaldía de Andrés Díaz, aumentouse preto de 2.000 euros a cantidade que se
destina a estes cheques.
E é que unha das prioridades de Díaz é crear oportunidades de traballo para todas as veciñas e veciños para que as familias, sobre todo aquelas que teñen nenos, poidan facer o seu proxecto de vida. Agora ben, hai familias de Ponte Caldelas que non están pasando un bo momento por diferentes motivos, e dende o Concello queren que este Nadal eses fogares poidan ter unhas festas dignas. Son detalles importantes, como repartir as ‘fichas de cortesía' das atraccións entre as familias con poucos recursos nas festas da Troita e das Dores, e non entre os amiguetes, como se facía antes.