Noticias

A brigada municipal de Ponte Caldelas remata a limpeza nos espazos públicos e comeza agora nos 33 núcleos do municipio

O Goberno local desbrozará todos os camiños municipais e fará un "repaso" coincidindo coa celebración das festas parroquiais


29 abril 2017
Ponte Caldelas

A campaña anual de limpeza e corta da broza que o Concello de Ponte Caldelas iniciou a pasada Semana Santa continua o seu paso polos espazos públicos e no seu remate centrarase nos camiños rurais que comunican os 33 núcleos de poboación existentes no mapa do municipio.

O labor, que se prolonga durante uns tres meses, farase agora coincidir coas festas locais de cada lugar, para que a contorna luza co mellor aspecto durante esas xornadas de convivencia veciñal. Ao tempo, aproveitarase para dar un repaso aos atrios, torreiros e lugares onde se celebran as actividades parroquais.

O Goberno tripartito do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, puxo unha brigada de cinco operarios a efectuar este labor, introducindo nela aos efectivos do Plan de Emprego da Deputación. O Concello de Ponte Caldelas é o único da bisbarra que optou por pagar a estes traballadores coas táboas salariais do convenio da Construción, de xeito que o seu número é inferior, pero tamén se disporá deles a xornada completa e cunha retribución, en todos os casos, superior aos 1.200 euros mensuais. O Concello esixirá, no marco desta fórmula na que se respectan ao 100% os dereitos laborais, que o rendemento sexa equiparable ao dos operarios do propio cadro de persoal.

A campaña de limpeza e desbrozamento das pistas e espazos públicos municipais estase realizando con medios exclusivamente manuais, incluíndo o soprado e recollida dos restos vexetais. O Concello adoptou unha resolución pola que prohíbe o uso de calquera tipo de herbicidas químicos, polos seus efectos nocivos no medio ambiente.

Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas xa publicou o bando que lembra o deber de limpar as fincas particulares de broza e vexetación antes do 30 de xuño, pois en caso contrario iniciarase expediente sancionador que pode rematar en multas ou na execución subsidiaria da limpeza (repercutindo ao infractor, en vía executiva, a multa e o custo dos traballos). O bando é consecuencia da ordenanza recentemente aprobada por Ponte Caldelas, un texto que xa foi reclamado por tres concellos da provincia para elaborar normativas semellantes.