Noticias

A Feira de Artesanía de Ponte Caldelas celebrará a súa IV edición na Praza de España

Por primeira vez esta Feira de Artesanía, xa consolidada, celebrarase na Praza de España. Unha carpa acollerá a 33 expositores chegados dende toda Galicia, que ofrecerán un ampla variedade de produtos


17 outubro 2019
Ponte Caldelas
Feira artesania

A cuarta edición da Feira de Artesanía de Ponte Caldelas volverá converter á capital da bisbarra do Verdugo-Oitavén nunha referencia inescusable durante o primeiro domingo de novembro. O domingo, 3 de novembro, chegará a Ponte Caldelas a cuarta edición dun evento xa totalmente consolidado e no que está presente unha escolma dos mellores produtos feitos a man de toda Galicia. Unha cita que se celebrará por primeira vez na Praza de España, un lugar " de referencia no pobo". Para a celebración desta feira colocarase unha carpa onde se aloxarán todos os expositores que forman parte deste evento. E o horario desta cita será de 11:00 a 20:00.

A feira contará coa participación de 33 artesáns, o que garante unha ampla variedade de produtos de todo tipo, todos eles co común denominador da orixinalidade e artesanía na  súa elaboración. O público que se achegue ademais de poder participar en diversos obradoiros, como o obradoiro de xabóns (para nenos de menos de 11 anos) e obradoiro de fieltro (para máis de 11 anos), tamén poderán asistir a unha charla de alimentación saudable, a cargo de Belén Ventín (ás 12:00 da mañá), poderán desfrutar da exposición de Marcos Mariño "Tallas en madeira feitas con motoserra", do recuncho de xogos en familia (un espazo que pola tarde contará con servizo de monitores) e como non, da música tradicional que estará presente ao longo de toda a xornada.

A actividade foi presentada esta mañá no Concello pola organizadora, Arantxa Esperón (máis coñecida como "Arantxa das miñas mans"), e o alcalde, Andrés Díaz. O rexedor aplaudiu esta iniciativa feita dende Ponte Caldelas e que é quen de atraer, ano tras ano, a prestixiosos artesáns. Dende a organización destacaron que neste ano triplicaron o número de solicitudes o que significa que "esta feita estase convertendo nun referente a nivel galego".

O Goberno local apoia a iniciativa e agradece o traballo de organización a cargo da Asociación Cultural das Miñas Mans, toda unha garantía, dado que os expositores valoran especialmente que o evento está concibido por xente do sector e para apoiar ao sector. Esta circunstancia explica que moitos deles repitan por terceiro cuarto ano consecutivo.

Nos postos poderán atoparse creacións artesáns tales como roupa de lá, tallado de vidro, madeira tallada, cerámica, todo tipo de complementos de bisutería, bolsos, esculturas feitas con area, marionetas, xoguetes de madeira, xabóns naturais, coiro, debuxos de arte rupestre, exposición de minerais e moitas máis cousas. Hai tamén un oco para a gastronomía cun posto de cervexa Meiga e tamén coa degustación de pan vegano, filloas e galletas artesáns.

A asistencia á feira, que pretende ser ante todo unha experiencia lúdica para o visitante, é completamente gratuíta polo que tal e como afirma Díaz "non hai escusa para non visitala, domingo 3 de novembro na Praza de España e en horario de 11:00 a 20:00".