Noticias

A Feira volve á alameda de Ponte Caldelas

O Concello traballa xa na modificación da ordenanza para que os postos de textil, calzado e ferretería estén neste emprazamento os meses de inverno e no verán se instalen no Paseo da Calzada


20 outubro 2020
Ponte Caldelas

A Feira de Ponte Caldelas volveu hoxe a instalar os postos de Textil e Calzado na Alameda da vila, unha vez rematada a tempada de turismo e con menos aglomeración. O Concello de Ponte Caldelas traballa xa na modificación da ordenanza para que nos meses de verán, entre o 20 de maio e o 20 de setembro, os postos de Textil, Calzado e Ferretería se instalen no Paseo da Calzada, un sitio fresco, agradable e a carón do aparcamento, mentres Alimentación estará na Praza de España.

"Á clientela gustoulle moito a ubicación a carón do río durante o verán e por iso queremos mantela aí entre maio e setembro", indica o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. Esta nova ubicación permitirá tamén seguir dinamizando o verán do concello a través das actividades nas fins de semana, "un sistema que funcionou moi ben este ano e que temos previsto manter en 2021" e que obriga a manter instalado de xeito permanente o palco municipal na Alameda de Ponte Caldelas.

Todas as medidas de seguridade

Hoxe a Feira estará na Alameda con todas as medidas de seguridade: os postos pechados polos dous laterais, mantendo a distancia de seguridade, con uso obrigatorio de mascarilla e hixienizando as mans á entrada e saída da mesma nas fontes desinfectates instaladas polo Concello.