Noticias

A mellora dos parques infantís do rural faise patente en Paradela e Gradín

O plan municipal para o acondicionamento da totalidade destes espazos chegará a todas as parroquias


07 maio 2018
Ponte Caldelas
Ponte Caldelas

O arranxo dos máis de 30 parques infantís repartidos por todos os lugares do rural de Ponte Caldelas dá un novo paso despois de ter posto en perfecto estado de revista os dous espazos de Paradela e Gradín.

O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) realizou algunhas reparacións durante os tres primeiros anos de mandato, actuando sobre algúns dos parques máis deteriorados, pero nesta anualidade puxo en marcha unha actuación integral, dotada con 35.000 euros, para a corrección do déficit herdado no mantemento. Trátase da primeira vez que Ponte Caldelas acomete unha  revisión destas características.

O alcalde, Andrés Díaz, visitou as zonas de xogos de Paradela e Gradín, onde compartiu impresións coa veciñanza. En ambos realizouse unha actuación en profundidade para tratar os elementos metálicos e de madeira, eliminando todo tipo de defectos. Ademais repuxéronse as pezas e elementos que faltaban e procedeuse a un pintado e  a unha limpeza xeral.

Se o parque de Gradín quedou en perfectas condicións, comprobouse que en Paradela será necesario colocar un pequeno valado ou dous bolardos para delimitar o espazo que utilizan os vehículos para aparcar e manobrar, que agora é excesivo.

Se en días atrás era o lugar de Silvoso o que recuperaba os seus parques, agora tocou nestes dous lugares e, en datas  próximas, chegará a quenda de Chaín.

O alcalde recalcou as dificultades legais que entrañan este  tipo de obras, toda  vez que os parques do rural sitúanse sobre terreos das comunidades de montes que non están incorporados ao patrimonio municipal e, coa normativa actual,  tan só é posible para o Concello realizar labores de mantemento, pero non de novo investimento.

Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas anunciou tamén a mellora integral dos tres  parques urbanos que faltan por acondicionar, toda vez que o parque central está completamente novo trala súa estrea o ano pasado. Trátase dos parques da praza de Fray  Orge (ludoteca e gardería), edificio Sol (tralo supermercado Froiz) e Bora Río. Neles vaise acometer tamén a colocación de novos elementos de xogo cun orzamento total de 75.000 euros.