Noticias

A saúde e a seguridade dos veciños de Ponte Caldelas son a prioridade neste momento

Os feirantes que non desexen montar na Feira de Ponte Caldelas poden darse de baixa para deixar sitio ás persoas en lista de espera, que son moitas


20 xuño 2020
Ponte Caldelas
Feira de Ponte Caldelas

"A saúde e a seguridade dos meus veciños son a prioridade absoluta neste momento e non se permitirá realizar unha Feira se non se poden garantir as medidas de distanciamento social", asegura Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas. O Concello de Ponte Caldelas tomou a decisión de realizar a Feira de textil e calzado na Avenida de Galicia, dado que na Alameda non é posible manter a distancia entre postos para as 52 licencias de textil e calzado.

Logo de que a todos os feirantes se lle comunicase vía telefónica a decisión, esta mañá os feirantes decidiron non montar os seus postos na Avenida de Galicia. O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, lamenta que despois de todos estes meses e cos rebrotes que están a xurdir "non aprenderamos nada. A Feira en Ponte Caldelas vaise facer se se pode cumprir o distancimento entre postos e tamén o distanciamento social e iso só é viable na Avenida de Galicia", indicou. Cabe lembrar que á Feira de Ponte Caldelas acoden persoas de todos os concellos da contorna e é importante que todos sintan confianza á hora de vir mercar a Ponte Caldelas.

"Ponte Caldelas non vai quedar sen Feira. Se algún feirante non desexa manter o seu posto nesta ubicación provisional, pode darse de baixa e deixar paso ós feirantes que están en lista de espera, que son moitos.", indicou Díaz, que recalca que un novo confinamento da poboación e un novo peche do comercio e a hostalería do pobo a causa dun rebrote sería a ruína para Ponte Caldelas.