Noticias

A sexta edición da BTT Troita contará con 231 participantes

O prazo para a inscrición pechouse na pasada noite, e finalmente, serán 231 os participantes cos que conte esta proba de Ponte Caldelas


10 outubro 2019
Ponte Caldelas
BTT Troita

O Concello de Ponte Caldelas e a empresa Global DxT xa teñen todo listo para unha nova edición da BTTroita, unha cita que celebrará a súa sexta edición este domingo 13 de outubro.  Inscrición desta proba pechouse na pasada noite e finalmente contará con 231 participantes. O alcalde lembrou que se trata "dunha proba de referencia a nivel galego dentro do ciclismo de montaña ou mountain bike".

A gran novidade deste ano é que a proba contará con dúas rutas, unha longa, a BTTTroita Plus de 47 quilómetros e outra máis curta, a BTTroita de 38 quilómetros. Os participantes poderán decidir durante a proba, é dicir "en ruta", que percorrido facer, xa que cando cheguen a Cruz do Brasil haberá voluntarios que indicarán o camiño a seguir para facer a proba curta ou a longa. No caso de facer a proba máis curta seguirán o percorrido establecido, e os que prefiran facer a BTTroita Plus farán 9 quilómetros por monte e continuarán co mesmo percorrido. Dende a organización aseguran que a proba longa "é moito máis divertida".

O percorrido segue a ter como punto de saída e chegada a Alameda de Ponte Caldelas e inclúe o paso polos montes de Cuñas, Paradela, Parada, O Verdugo, Cristo Rei, Baltar, Chan do Casal e regreso pola zona do río.

A proba contará dúas zonas con avituallamentos en ruta e unha ampla "fun zone" na Alameda para acoller aos "bikers" ao remate da proba.

Os participantes poderán recoller o seu dorsal en horario de 8:00 a 9:15 na Casa da Cultura de Ponte Caldelas xa que a Ruta sairá ás 9:30. Dende a organización estiman que os primeiros ciclistas cheguen a meta a partir das 12:00 da mañá. A entrega de premios será en torno as 14:00 na Alameda. E os galardóns irán destinados ao equipo máis numeroso, o participante máis novo e ao máis vello.

Dende o Goberno Local apostan por seguir reforzando esta proba, que conta xa cun ben gañado prestixio e goza dun oco propio no calendario dos afeccionados á bicicleta de montaña. Ademais Andrés Díaz deixou patente a súa aposta por este deporte, xa que Ponte Caldelas foi o primeiro concello que amosou o seu apoio e formará parte dunha nova edición da Epic Race. Unha cita que se celebrará os días 29,30 e 31 de maio do 2020, a chegada a Ponte Caldelas será o día 30, coincidindo coa celebración da Festa da Troita co cal "o bo ambiente estará asegurado".