Noticias

A VI Edición da BTTroita adiántase ao 26 de outubro

Debido a que o 27 é o segundo domingo de caza menor, para a seguridade dos participantes na BTT e tamén para o desfrute deste práctica no concello, dende o Goberno Local e a organización consideraron que adiantar a proba ao sábado 26 pola tarde ás 16:00 é a mellor opción.


22 outubro 2019
Ponte Caldelas
BTTroita

"Parece que a BTTroita se resiste, pero nós poremos todo o noso empeño e que esta proba se celebre a súa VI edición" así confirmaba Andrés Díaz esta mañá que a VI edición da BTTroita se celebrará finalmente o sábado pola tarde. Goberno Local e organización de BTTroita tomaron esta decisión xa que este 27 de outubro, coincide co segundo domingo de caza menor. Tal e como dixo Díaz "para a seguridade das e dos participantes na BTTroita e tamén para o desfrute desta práctica, seguida por moitos veciños de Ponte Caldelas, cremos que a mellor opción é adiantar esta proba a tarde do sábado para garantir así a convivencia entre as dúas actividades". A cita terá lugar na tarde do sábado e sairá ás 16:00 da Alameda de Ponte Caldelas.

Dende a organización xa anunciaron que calquera participante que non poda asistir a esta proba, que se celebrará na tarde do sábado, deberá de enviar un mail a soporte@emesports.es . E se grazas ao cambio de data son máis os que se poden sumar a esta proba, dende a organización tamén informan, que os e as interesadas en inscribirse poden facelo a través de: https://eventos.emesports.es ata o mércores 23 de outubro ás 23:59.

A proba desenvolverase do mesmo xeito que se tiña previsto, dende a organización e  concello insisten en que será todo igual, o único que se cambia é a data para a tarde do sábado 26 de outubro ás 16:00. A recollida de dorsáis será na Casa da Cultura en horario de 14:00 a 15:30.  

Dende Globar DxT lembran que a gran novidade deste ano é que a proba contará con dúas rutas, unha longa, a BTTTroita Plus de 47 quilómetros e outra máis curta, a BTTroita de 38 quilómetros. Os participantes poderán decidir durante a proba, é dicir "en ruta", que percorrido facer, xa que cando cheguen a Cruz do Brasil haberá voluntarios que indicarán o camiño a seguir para facer a proba curta ou a longa. No caso de facer a proba máis curta seguirán o percorrido establecido, e os que prefiran facer a BTTroita Plus farán 9 quilómetros por monte e continuarán co mesmo percorrido. Dende a organización aseguran que a proba longa "é moito máis divertida".

O percorrido segue a ter como punto de saída e chegada a Alameda de Ponte Caldelas e inclúe o paso polos montes de Cuñas, Paradela, Parada, O Verdugo, Cristo Rei, Baltar, Chan do Casal e regreso pola zona do río.

A proba contará dúas zonas con avituallamentos en ruta e unha ampla "fun zone" na Alameda para acoller aos "bikers" ao remate da proba.

Dende o Goberno Local apostan por seguir reforzando esta proba, que conta xa cun ben gañado prestixio e goza dun oco propio no calendario dos afeccionados á bicicleta de montaña. Ademais Andrés Díaz deixou patente a súa aposta por este deporte, xa que Ponte Caldelas foi o primeiro concello que amosou o seu apoio e formará parte dunha nova edición da Epic Race. Unha cita que se celebrará os días 29,30 e 31 de maio do 2020, a chegada a Ponte Caldelas será o día 30, coincidindo coa celebración da Festa da Troita co cal "o bo ambiente estará asegurado".