Noticias

Ponte Caldelas acollerá un curso de información afectivo sexual

Este taller será impartido pola Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia e terá lugar os martes 12, 19 e 26 de novembro na Casa da Cultura


11 novembro 2019
Ponte Caldelas
Concello de Ponte Caldelas

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, ACADAR, pon en marcha, a partir de mañá 12 de novembro, no Concello de Ponte Caldelas o Servizo Dedaleira. Unha cita que chega a esta vila do Verdugo a través do Convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral de Igualdade) para o mantemento do Servizo Dedaleira, especializado en información e asesoramento afectivo-sexual para ás mulleres con discapacidade e a súa contorna.

Nesta ocasión, dende esta entidade realizarán varios obradoiros grupais onde as mulleres con discapacidade do Concello terán a oportunidade de ampliar coñecementos sobre o feito sexual humano e fomentarase a vivencia saudable e positiva da propia sexualidade cunha perspectiva de xénero.

Non é a primeira vez que ACADAR imparte obradoiros nesta vila do Verdugo, o que significa que as mulleres que xa asistiron a estes cursos tamén formarán parte desta nova actividade. Pero dende a Asociación xa dixeron que se hai mulleres interesadas en formar parte deste taller de información afectivo sexual o único que teñen que facer é poñerse en contacto coa Asociación no teléfono 674 073 092.

Este taller impartirase na Casa da Cultura de Ponte Caldelas. Comezará mañá martes 12 de novembro e continuará desenvolvéndose os días 19 e 26 deste mes en horario de mañá de 10:00 a 14:00.