Noticias

Alumnos do colexio Sagrado Corazón achéganse á Natureza en Ponte Caldelas

Plantan carballos en Tourón e soltan troitas no río Verdugo


15 maio 2019
Ponte Caldelas
Sagrado Corazón de Jesús

O alumnado de Terceiro de Primaria do colexio pontevedrés Sagrado Corazón viviu unha xornada en contacto coa Natureza cunha visita a Ponte Caldelas encadrada no seu proxecto educativo para este ano "Cóidao!"

O grupo, composto por 76 nenos e nenas, elixiu Ponte Caldelas coa lembranza do impacto dos incendios forestais de 2017. Unha vez superados os efectos máis graves daquela catástrofe ecolóxica quixeron achegarse e facer un percorrido por dous lugares tan simbólicos como a Área Arqueolóxica de Tourón, que estivo cercada polas lapas, e as beiras do río Verdugo, na contorna da praia fluvial.

Os incendios, á parte de arrasalo monte, produciron arrastres de cinzas que coas choivas foron parar ao leito fluvial, explicaron dende o profesorado. Deste xeito, e incluíndo tamén explicacións sobre as xornadas de voluntariado ambiental organizadas aqueles días polo Concello de Ponte Caldelas para tratalo solo queimado con palla (técnica "mulching"), programaron unha mañá de actividades.

En Tourón plantaron uns 50 exemplares de pequenos carballos e tamén landras e, a continuación, procederon á solta no río Verdugo de 300 exemplares de troita achegados polo Servizo de Conservación da Consellería de Medio Ambiente. Contaron para elo coa colaboración do alcalde, Andrés Díaz, que se achegou á zona. O día rematou cun almorzo na explanada da praia da Calzada.