Noticias

‘Anceu Coliving': traballando dende Ponte Caldelas para o mundo

Agustín Jamardo inicia en O Ramís, Anceu, un espazo de traballo colectivo de nivel internacional pioneiro na provincia de Pontevedra


07 xullo 2020
Ponte Caldelas
Ponte Caldelas Anceu Coliving

Ponte Caldelas está de moda e así se demostra unha vez máis ao atraer ao municipio iniciativas novidosas de carácter internacional e con moito futuro. É o caso do proxecto que vén de poñer en marcha Agustín Jamardo no lugar de O Ramís, en Anceu, e que hoxe visitou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. Trátase da evolución dos tradicionais ‘coworking', no que se avanza un paso máis e se combina traballo e ocio, dando lugar a un espazo de intercambio de experiencias e vivencias de xeito cooperativo. ‘Anceu Coliving' é o primeira iniciativa deste tipo posta en marcha na provincia de Pontevedra e das que só existen sete en toda España.

As sinerxias que xurden destas experiencias ofrecen moi bos froitos a nivel personal e laboral, pois o espazo de convivenia e traballo forman un ‘brainstorming' continuo no que todas as persoas que conviven saen bene¿ciadas.

Agustín Jamardo, un mozo pontevedrés que leva anos percorrendo diferentes países por cuestións laborais, atopou en Anceu o lugar axeitado para poñer en marcha esta iniciativa de futuro. Programador dunha empresa con sede en Singapur, Jamardo traballa agora dende O Ramís, un lugar da parroquia de Anceu, en Ponte Caldelas, onde atopou todos os puntos fortes para poñer en marcha un Coliving sen precedentes: nun entorno rural, paradisíaco, rodeado de natureza e de espazos de desfrute e cunha ‘pincelada' clave que non atopou nin na mesmísima capital de España: Internet de ata 600 megas reais de subida e baixada para traballar dende Ponte Caldelas para todo o mundo.

Estes días están a convivir en O Ramís 25 profesionais de diferentes ámbitos con nacionalidades moi variadas: EE UU, Canadá, Singapur, Polonia, Indonesia… Todos estaban xa establecidos en diferentes provincias españolas e estos días están a convivir e a desfrutar de Ponte Caldelas, concello acolledor, relaxante e, á vez, inspirador. Todos teñen postos que lle permiten traballar á distancia e dispoñen dun nivel adquisitivo alto que repercutirá moi positivamente no comercio e na hostalería de Ponte Caldelas.

Durante un mes, O Ramís converterase nunha gran ‘tormenta de ideas' seguindo o modelo das grandes urbes, pero cun toque particular que marcará para sempre a vida dos profesionais que atoparon en Ponte Caldelas un novo xeito de traballar, de convivir e de desfrutar da vida.