Noticias

Arranca con forza a Festa Gastronómica da Emigración

Milleiros de persoas achegáronse onte a Ponte Caldelas para participar na máis singular das celebracións culinarias


13 xullo 2019
Ponte Caldelas
Festa da emigración

A cuarta edición da Festa Gastronómica do Emigrante botou a andar onte á noite na Alameda de Ponte Caldelas. Unha estrea multitudinaria, pois varios milleiros de persoas pasáronse para degustar as propostas dos 12 expositores, que ofrecen comida representativa dos países relacionados coa emigración caldelá, incluíndo cada un deles un prato promocionado ao prezo de só 5 euros con bebida incluída.

O Goberno local caldelá destaca a masiva resposta desta primeira noite dun evento culinario sen parangón en Galicia, pois enxalza simultaneamente unha ducia de propostas. Entre as propostas que poden atoparse está a comida brasileira, mexicana, italiana, estadounidense, uruguaia e, por suposto, tamén a española e a galega. Ademais, hai dous stands con postres e empanadas.

A Festa conta tamén con animación musical e, hoxe, sábado, durante a cea, haberá un grupo de mariachis recorrendo as mesas e relacionándose con público asistente. A noite inclúe tamén o tradicional conxuro da Queimada e unha degustación gratuíta deste licor máxico. O programa conclúe mañá, domingo, co servizo de comida.

O alcalde, Andrés Díaz, subliñou a gran aceptación deste evento, que atrae a numerosas persoas chegadas dende diferentes puntos de Galicia. A afluencia é tal que fai necesaria a ampla capacidade da Alameda caldelá, onde instaláronse mesas con 1.200 cadeiras co obxectivo de que todo o mundo poida gozar comodamente deste evento.