Noticias

Carmela Silva afirma que Andrés Díaz converteu a Ponte Caldelas nun concello de referencia

A presidenta da Deputación visita as obras da praza de España e coñece, de primeira man, o proxecto para a nova Estación Termal


12 xuño 2019
Ponte Caldelas
Carmela Silva visita Ponte Caldelas

"Ponte Caldelas converteuse nun concello de referencia en Galicia e, despois dos últimos resultados electorais, augúrolle un futuro extraordinario con Andrés Díaz á cabeza", así o afirmou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a visita realizada hoxe para coñecer o resultado final das obras da praza de España e achegarse ao proxecto municipal para a futura Estación Termal nos terreos do antigo Balneario.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo deputado de Cooperación, Carlos Font, a presidenta amosouse moi sorprendida polo resultado final da humanización da praza de España e asegurou que o resultado goza "dunha estética incrible", "encántame", recalcou, "porque supón unha aposta clara por un centro urbano para as persoas".

A presidenta destacou o equilibrio que Ponte Caldelas representa entre a modernización das infraestruturas urbanas e o coidado permanente do seu rural, un modelo que ten tamén moi en conta a relación e diálogo constante e fluído coa veciñanza.

Andrés Díaz, en nome de todo o Goberno municipal (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) agradeceu o cambio que supuxo este mandato na Deputación, "unha institución que agora trata aos concellos como maiores de idade". Engadiu que o Plan Concellos supón aire para a totalidade dos municipios, con independencia da súa cor política, e destacou que os plans extraordinarios, como o de Reequilibrio permitiron tamén aos concellos "concursar" presentando os mellores proxectos para financiar proxectos singulares "e todo cunhas condicións previas establecidas, claras e transparentes".

O alcalde caldelán animou á Xunta a seguir o exemplo da Deputación de Pontevedra poñendo en marcha un verdadeiro Pacto Local que garanta o financiamento dos concellos. "Aquí, en Ponte Caldelas, teñen outro exemplo máis de que, a pesar de catro anos de asfixia económica o resultado electoral foi maioría absoluta de signo político distinto". "A veciñanza de tódolos municipios de Galicia", engadiu, "merece o mesmo trato do Goberno galego".

A visita concluíu ao pé dos terreos da futura Estación Termal, onde Ponte Caldelas está impulsando os últimos pasos para a licitación das obras dunha instalación pública, construída e xestionada por unha empresa coa fórmula dunha concesión administrativa. Unhas termas, explicou o alcalde, que estarán nun lugar estratéxico entre Pontevedra e Vigo e chamadas a converterse nun motor turístico e económico non só para Ponte Caldelas, senón para toda a provincia.