Noticias

Ponte Caldelas, centro comercial de toda a comarca

A Asociación de Comerciantes entregou onte os premios do sorteo de Nadal, valorados en máis de 5.000 euros, logo de repartir 20.000 rifas


11 xaneiro 2020
Ponte Caldelas
Premios de Nadal de COEMPO

Coempo, a Asociación de Comerciantes de Ponte Caldelas, repartiu onte á noite os premios que sortearon durante a campaña de Nadal, na que se repartiron máis de 20.000 rifas e na que os premios sumaban máis de 5.000 euros. O primeiro premio foi un televisor de 55 pulgadas, o segundo unha aspiradora Roomba e unha tablet e o terceiro un sofá de relax. Tamén se entregaron 10 cafeteiras espresso e 10 lotes de produtos ibéricos.

Os gañadores amosaron a súa alegría ao recibir os premios e destacaron o feito de que se poñan en marcha iniciativas deste tipo. De feito, queda demostrado que Ponte Caldelas é o centro comercial de toda a comarca, pois entre os premiados había persoas de Cerdedo-Cotobade, A Lama ou Pazos de Borbén, ademais de moitas veciñas e veciños de Ponte Caldelas.

A directiva de Coempo destacou a inversión de máis de 5.000 euros en premios, o que fai que a xente merque máis en Ponte Caldelas ao saber que pode levar un bo agasallo. Este iniciativa pode levarse a cabo grazas á subvención de 12.000 euros que anualmente recibe do Concello de Ponte Caldelas a Asociación de Comerciantes e coa que poden poñer en marcha outras iniciativas dinamizadoras do comercio local, como campañas do día do Pai, da Nai, a festa de Fin de Curso…