Noticias

Coribantes puxo o broche de ouro ás Noites de Terraza de Ponte Caldelas

A banda ofreceu un vistoso concerto arredor da fantástica Fonte Luminosa de Ponte Caldelas


13 setembro 2021
Ponte Caldelas
Noites de Terraza en Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas pechou onte os tres meses de cultura con seguridade que tiveron lugar na gran terraza de Ponte Caldelas, con concertos todas as fins de semana dende mediados de xuño, xullo, agosto e ata o 12 de setembro.

"Onte puxemos o punto e final a tres meses de música na gran terraza de Ponte Caldelas co espectacular e vistoso concerto dos Coribantes de Buchabade arredor da nosa fantástica Fonte Luminosa", indicou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, quen destacou que é "un orgullo que Ponte Caldelas conte cunha banda desta categoría, que nos ofreceu un espectáculo de música, baile e luz do máis alto nivel".

O concerto dos Coribantes puxo o broche de outro a tres meses de programación cultural cunha iluminación especial para dinamizar Ponte Caldelas, o seu comercio e a súa hostalería. Un formato que, segundo recalcou Díaz, "chegou para quedar polo éxito que tivo o ano pasado e que repetiu este verán".

A proposta musical foi moi variada, para todos os gustos e para todos os públicos e incluíu fados, mariachis, flamenco, música clásica, música tradicional, pop, rock, heavy… Entre as actuacións máis destacadas estivo a sesión de Fados con Erea Castro; a actuación dos mariachis de Leonardo Flores, a actuación de música clásica de Samudra Trío ou o concerto de Milladoiro.

As actuacións foron todos os venres e sábados, ó aire libre e co aforo controlado a través das mesas da hostalería autorizadas previamente polo Concello de Ponte Caldelas. Ademais, todos os domingos do mes de agosto houbo sesión vermú con bandas de música a partir das 13.00 horas e a semana das Festas das Dores, que este ano non se celebraron como tradicionalmente, tamén se extendeu a programación cultural ata o martes, cando actou a Banda de Guerra da Brilat na Fonte Luminosa de Ponte Caldelas.

As ‘Noites de Terraza' tiveron lugar os venres e sábados a partir das 21.30 horas na Alameda de Ponte Caldelas e na Praza de España, cunha iluminación especial similiar á instalada e cunha amplificación de son que pode escoitarse en ambos espazos a través do sistema de megafonía instalado polo Concello de Ponte Caldelas en 2020.