Noticias

Dúas empresas compiten polas obras de renovación do céspede do campo de fútbol de Chan da Barcia

O novo terreo de xogo debe cumprir estritas condicións técnicas para garantir unha durabilidade estimada de 20 anos


24 abril 2019
Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas recibiu dúas ofertas de empresas especializadas para a renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia e a colocación desta superficie sintética na pista municipal de pádel.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) dá un novo paso para a renovación dun tapete instalado hai xa 13 anos e que foi recibido xa a comezos do mandato coa vida útil esgotada, ao tratarse dunha primeira xeración deste tipo de material sintético. Un deterioro que acelerouse, ademais, tanto polo deficiente mantemento como pola intensiva utilización  ao ser sede Ponte Caldelas da única escola municipal de fútbol de toda a bisbarra.

Os trámites continuarán coa apertura nos próximos días do sobre coa documentación administrativa e, a continuación, coas ofertas económicas. A adxudicación realizarase en breve para que as obras podan comezar canto antes. O prazo de execución previsto, unha vez adxudicada e replanteada a obra, é de 28 días naturais.

O prego de condicións técnicas, elaborado por un enxeñeiro especialista, determina que o novo céspede debe ter unha duración estimada de 20 anos e fixa polo miúdo os requisitos que debe cumprir o material que se utilice, tanto no campo de fútbol como na pista de pádel,  esta última dotada ata o de  agora con superficie de cemento.

As obras consistirán no tratamento previo do terreo e a colocación dos 6.720 metros cadrados da nova alfombra, previa aplicación dunhas 40 toneladas de area de sílice e, finalmente, o reparto doutras 30 toneladas de caucho. A pista de pádel, pola súa banda, cubre outros 200 metros cadrados.