Noticias

Famous, Ricky Merino, a Olympus e o Combo Dominicano deixarán pegada nas Festas das Dores

O alcalde asegura que se trata "dun programa feito con agarimo para a veciñanza de Ponte Caldelas". Andrés Díaz agarda que sexan unhas festas "moi participativas"


22 agosto 2019
Ponte Caldelas
Programación das Festas das Dores de Ponte Caldelas

O venres 23 de agosto comezan as Festas das Dores, con este motivo o alcalde de Ponte Caldelas, quixo lembrar o "sinfín de actividades para todos os públicos e para todos os gustos" que haberá dende o 23 ata o 27 de agosto nesta vila do Verdugo. Andrés Díaz ten claro que o seu obxectivo "é facer unhas festas para o desfrute do noso pobo, unhas festas de reencontro, unhas festas de diversión, unhas festas seguras, unhas festas en igualdade, unhas festas que estean á altura da mellor veciñanza do mundo, a de Ponte Caldelas".

E con este propósito arrancan as Festas das Dores, o propio venres esta festividade comeza co Caldelas Xoven, que contará coa actuación de Famous (gañador de Operación Triunfo 2018), Ricky Merino (Operación Triunfo 2017), David Lafuente e Brokkt. Unha cita que terá lugar na Alameda a partir das 23:00.

O sábado arrancará a xornada con pasarrúas dende media mañá, pasando polo Festival Folcrórico Internacional que terá lugar ás 20:30 na Alameda e onde participarán, unha das bandas organizadoras, Os Coribantes xunto co grupo folcrórico "Chispa" de Plasencia e o Rancho Folcrórico Campanha de Oporto, máis de 150 artistas daránse cita neste evento. E xa ás 23:00 chegará un dos momentos máis agardados, a verbena na Alameda que contará coa orquestra Superfama e o grupo América que deleitarán aos asistentes coas súas versións dos clásicos do rock.

O domingo os pasarrúas volverán a encher de son e ritmos as rúas deste pobo, e pola noite actuará unha das orquestras de máis prestixio da xeografía galega, a partir das 22:30 ofrecerá o seu mellor directo a Orquestra Olympus.

O luns tamén se presenta con moita actividade, e ademais de pasarrúas e o concerto da Banda de Música, ás 21:00 terá lugar o Festival "Son de Ponte Caldelas" unha cita, que terá lugar na Alameda, e que está organizada pola  Banda de Gaitas Os Coribantes e que contará coa participación dos diferentes grupos musicais do municipio. A verbena, que comezará ás 00:00 estará amenizada pola orquestra Ibiza Band e varios DJ´s.

O martes, 28 de agosto, é un dos días con máis tradición nesta Festa das Dores de Ponte Caldelas, un día que ven completo de actividades con pasarrúas, concerto da Banda de Redondela e ás 20:00 terá lugar a misa solemne na honra de San Roque, unha misa que será cantada pola Coral Valdarrosa, do concello. A continuación  sairá a procesión que estará acompañada pola  Banda de Gaitas Os Coribantes e pola Banda de Guerra da BRILAT. O día estará completo para rematar cunha verbena que dará o seu comezo ás 23:00 e pechará o seu telón, tal e como manda a tradición, ás 8:00 da mañá. Son moitas horas de festa pero, tal e como asegura o alcalde, " a diversión estará asegurada co Combo Dominicano enriba do escenario, e as orquestras La Oca Band e Nevada Band". Andrés Díaz ten claro que será "un espléndido broche de ouro para estas festas de todas e de todos os veciños".

O mércores 29 pequenos e mozos poderán desfrutar do Día do Neno coa atraccións infantís das festas a prezo reducido.

Neste senso o alcalde de Ponte Caldelas tamén quixo lembrar que as fichas de cortersía, que os propietarios das atraccións lle dan ao concello, xa se lle entregaron a 54 nenas e nenos pertencentes a familias en risco de exclusión social, unha medida que Díaz considera "necesaria co fin de que estas familias desfruten das festas en igualdade e sen discriminacións".

O alcalde de Ponte Caldelas convida a todo o mundo a que veñan e desfruten das Festas das Dores "en Ponte Caldelas se sentirán coma na casa, somos un pobo acolledor, e a diversión e bo ambiente durante estes días está máis que garantido".