Noticias

Nengún neno de Ponte Caldelas sen agasallo de Nadal

37 nenos terán regalos dos Reis Magos mercados nos comercios de Ponte Caldelas grazas á axuda do Goberno local


02 xaneiro 2020
Ponte Caldelas
Concello de Ponte Caldelas

Que todos os nenos de Ponte Caldelas teñan, polo menos, un agasallo polo Nadal. Ese é o obxectivo da campaña posta en marcha polo Concello de Ponte Caldelas a través da cal 37 nenos de 0 a 18 anos de familias vulnerables recibirán outros tantos cheques de 50 euros para mercar un agasallo dos Reis Magos.

En total son 18 familias, incluidas no baremo de emerxencia social municipal, as que se benefician desta iniciativa municipal e os regalos poderán mercarse exclusivamente en once comercios da vila asociados a Coempo, nos que poderán atopar roupa, calzado, xoguetes, complementos, libros….

Os cheques serán entregados mañá venres, 3 de xaneiro, polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que amosa así a súa total implicación coas familias do concello que neste momento están a pasar por un mal momento e teñen necesidades económicas. O Concello de Ponte Caldelas destina así 1.850 euros a achegar a felicidade ás nenas e nenos do municipio que, de non ser por este iniciativa, poderían quedar sen regalos de Nadal.