Noticias

O Centro Ecuestre Atlántico trunfa no torneo Infanta Elena de saltos

Candela Suárez proclamouse vencedora na categoría de ponys B diante doutros 200 xinetes de toda España


15 abril 2019
Ponte Caldelas
Centro ecuestre atlántico

A equitación de Ponte Caldelas demostrou a súa categoría durante o Torneo Infanta Elena, celebrado en Madrid durante esta fin de semana. Unha alumna da Escola do Centro Ecuestre Atlántico, situado en Santa Ana, logrou o primeiro premio nunha das categorías de ponys.

Candela Suárez Torres, de 12 anos, natural de Vilagarcía, resultou a gañadora, impoñéndose a outros 200 xinetes (nenos e nenas) procedentes de toda España. O trunfo chegoulle na categoría Ponys B (xinetes e amazonas de ata 13 anos que saltan obstáculos de 0,80 metros de altura). Ademais, obtivo varios premios parciais na categoría de Ponys C (ata 16 anos e obstáculos de 1,10 metros).

A competición, que incluíu varias rondas, celebrouse na pista da Universidade Camilo José Cela, e constitúe unha das principais na súa categoría de cantas se celebran en España.

A Escola do Centro Ecuestre Atlántico está dirixida polo xinete pontevedrés Xabi Blanco, e conta xa con 75 alumnos/as procedentes de toda a provincia.