Noticias

O Circo Inimitable aterrará en Ponte Caldelas os días 19, 20, 21 e 22 de setembro

O concello dará as fichas de cortesía, que ceden dende o circo, ás familias en risco de exclusión social de Ponte Caldelas


18 setembro 2019
Ponte Caldelas
Circo Inimitable

45 nenas e nenos de entre 2 a 12 anos contarán cunha entrada gratuíta para desfrutar do Circo Inimitable en Ponte Caldelas. O concello continúa así coa súa política de igualdade e eliminación de todo tipo de privilexios. Dende o concello de Ponte Caldelas comezaron hoxe o reparto de entradas para as nenas e nenos que pertencen a familias en risco de exclusión social. Andrés Díaz considera que as fichas de cortesía, cedidas polo circo, non podían ter outro destino que as familias que máis o precisan. Andrés Díaz ten claro que "os espectáculos que chegan a Ponte Caldelas son para o desfrute de todos, e dende o concello faremos todo o posible porque así sexa".

Os Servizos Sociais municipais chamaron a un total de 45 nenas e nenos, de idades comprendidas entre os 2 aos 12 anos, pertencentes a 22 familias como beneficiarios directos desta medida. Cada neno/a contará cunha entrada para desfrutar deste espectáculo que estará en Ponte Caldelas dende o xoves 19 ata o domingo 22 de setembro.

O Circo Inimitable chega a Ponte Caldelas co espectáculo Pinocho, ofrecerá un total de cinco funcións e estará instalado na explanada de Chan da Barcia. Os horarios deste espectáculo serán o xoves 19, a gran estrea, ás 19:00. O venres 20 ás 19:00. O sábado 21 ás 17:00 e ás 19:30 e o domingo 22 a función de despedida será ás 18:00.

Dende a organización lembran que se trata dun espectáculo destinado a todos os membros da familia e onde nos poderemos atopar "espetaculares números de circo".