Noticias

O concello de Ponte Caldelas convoca á veciñanza a unha asemblea para informar dunha solicitude dun tanatorio en pleno centro


07 marzo 2019
Ponte Caldelas
Concello de Ponte Caldelas

O Goberno local de Ponte Caldelas convoca a unha xuntanza aberta a toda a veciñanza para informar da solicitude de licenza, por procedemento simplfiicado, para instalar un tanatorio nun  edificio propiedade do Arcebispado de Santiago e situado ao lado da Casa do Concello, en pleno centro da localidade.

A asemblea celebrarase o próximo venres, día 15, a partir das 20.30 horas, na Casa da Cultura.

O equipo municipal (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) dará conta dos aspectos legais da solicitude e dos primeiros datos que se desprendan dos informes técnicos e xurídicos que hoxe mesmo solicitou, moi pouco despois de que tivera entrada por Rexistro o escrito presentado polo empresario Juan Perdiz (Funeraria San Marcos), é dicir, a mesma empresa que xa no seu día instalou un polémico forno crematorio na Reigosa.

Na asemblea barallarase, ademais, a posibilidade de organizar unha manifestación de protesta contra o Arcebispado de Santiago, que deu o visto bo a un uso, cando menos pouco apropiado, para un edificio con esta situación.