Noticias

O Concello de Ponte Caldelas licita a explotación do kiosko da praia fluvial para os próximos dous anos

As persoas ou empresas interesadas deben presentar as súas ofertas ata o próximo día 3 de xullo


19 xuño 2019
Ponte Caldelas
Inauguración kiosko Ponte Caldelas

A explotación do servizo de kiosko da praia fluvial da Calzada acaba de saír a licitación aberta para as dúas próximas temporadas. O prazo de presentación das ofertas para os particulares ou empresas interesadas está aberto ata o próximo 3 de xullo incluído.

Os detalles da licitación están no Perfil do Contratante do Concello de Ponte Caldelas e establecen o pago dun canon mínimo (mellorable na oferta) por parte do adxudicatario de 1.181,78 euros. A este canon debe engadirse o depósito dunha fianza durante a prestación do servizo de 2.313 euros. Non se prevé pago de taxa mensual.

O concesionario queda obrigado á limpeza, mantemento e recollida das mesas e cadeiras exteriores. Ademais, esíxense seguros de responsabilidade civil por danos a terceiros e para responder do coidado das instalacións.

O horario de apertura diaria, entre xuño e setembro, deberá ser entre as 12 e as 21 horas como mínimo. No resto do ano é opcional, aínda que obrigado, previa comunicación, en caso de organización de actividades nesta contorna.

O Goberno local subliña a praia fluvial da Calzada rexistra a afluencia de centos de persoas durante todos os días do verán e, ademais, é epicentro de diversas actividades ao longo de todo o ano, polo que a explotación do kiosko e a súa cafetería é moi atractiva dentro o punto de vista empresarial.

O edificio está datado no ano 1999 e ten unha superficie construída de case 50 metros cadrados repartidos nunha zona de bar-cafetería de 23,50 metros, un almacén de case 10 metros cadrados e os aseos. Ademais, conta cun amplo espazo frontal no que é posible colocar mesas e cadeiras para atención do público.