Noticias

O Concello de Ponte Caldelas ofrece un curso gratuíto de preparación dos exames de graduado en ESO

A formación iniciarase o 11 de xaneiro e remata o 21 de maio


22 decembro 2020
Ponte Caldelas
Alcalde na aula

O Concello de Ponte Caldelas organiza un ano máis un curso gratuito para a preparación do exame de Graduado en ESO, un título básico que abre as portas a moitos empregos, necesario para acceder a cursos do Inem cos que se poden obter certificados de profesionalidade e que é imprescindible para presentarse a calquera oposición.

O curso está financiado polo Concello de Ponte Caldelas e iniciarase o luns 11 de xaneiro, extendéndose ata o venres 21 de maio. As clases impartiranse os luns, mércores e venres de 10.00 horas a 13.00 horas na Casa da Cultura de Ponte Caldelas.

Todas as persoas interesadas en participar poderán presentar as súas solicitudes na Alcaldía do Concello de Ponte Caldelas. Con esta iniciativa, o Concello de Ponte Caldelas pretende seguir coa loita contra o abandono escolar e facilitar ás veciñas e veciños de Ponte Caldelas a base para que non pechen as portas a outras actividades formativas, primordial nos tempos que corren.