Noticias

O Concello de Ponte Caldelas suspende a celebración da V Subida a Ponte Caldelas

A proba, calendada dentro da Copa Norte de Montaña do Campionato de España, estaba prevista para os días 7 e 8 de agosto


08 xuño 2021
Ponte Caldelas
Subida a Ponte Caldelas 2019

O Concello de Ponte Caldelas tomou a decisión de suspender, por segundo ano consecutivo e a causa da situación da Covid-19, a celebración da V Subida a Ponte Caldelas. A proba, calendada para os vindeiros 7 e 8 de agosto, dentro da Copa Norte de Montaña do Campionato de España, volve a verse afectada pola situación epidemiolóxica xerada pola Covid-19.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e Noemí de Blas, presidenta da Escudería Buxa Motor, reuníronse para tratar a viabilidade da proba de Ponte Caldelas. Na reunión, Díaz, explicou a súa postura de prudencia ante a evolución da pandemia de Covid-19. Unha postura que exemplarizou cos momentos que se viviron no municipio do Verdugo nos últimos 15 días, nos que un pequeno brote provocou o peche do interior dos locais de hostalería e unha importante reducción do seu aforo exterior.

O alcalde considera "que o motivo fundamental da realización e promoción deste tipo de probas é a de atraer xente ó municipio (que na última subida de 2019 tivo unha aceptación masiva), xerar movemento no comercio, promoción turística... pero sobre todo o principal beneficio directo ven dado por un grande movemento nos bares e restaurantes así como os hoteis e casas rurais que nesa fin de semana están completos". Por iso o rexedor municipal considera "complicado poder sacar adiante unha proba deste tipo pensando en que un pequeno brote pode levar ó traste con todo o esforzo realizado; e non só o esforzo persoal por parte da organización senón tamén o económico pois hai varias partidas que se teñen que pagar por adiantado".

Boa proba desta maneira de pensa por parte do goberno municipal é a recente programación de "Noites de Terraza" que se configura con unha serie de actuacións en formato pequeno e controlado que non supoñan grandes aglomeracións que poidan ser de difícil control. Neste caso, Díaz, volveu a incidir na liña mostrada polo seu goberno durante a pandemia na que a prudencia está a ser a tónica predominante nas súas actuacións e "agora que parece que se ve a luz ó final do túnel non quero facer nada que poida, por remoto que pareza, xerar complicacións epidemiolóxicas que, no caso dun municipio pequeno coma a noso, poucos casos supoñen grandes restricións".

Por último o alcalde quixo agradecer a exemplar labor da Escudería Buxa Motor como organizadora da Subida A Ponte Caldelas, e que "dende o primeiro momento souberon entender, e asumir a situación, tanto na suspensión da edición 2020 como nesta de 2021. Confío en que non se perda o pulo, e no vindeiro 2022 Ponte Caldelas volva a desfrutar dun deporte, o do motor, que conta con innumerables adeptos no Concello, tanto afeccionados como pilotos que teñen como referencia a proba da casa. Máis aínda cun salto cualitativo como é o paso á Copa Norte do Campionato de España de Montaña".