Noticias

O Concello limpa e retira a vexetación invasora da gran finca do Balneario

O paso coincide coa recta final do expediente para sacar a concurso a construción e explotación da futura Estación Termal


13 abril 2019
Ponte Caldelas
Limpeza finca balneario Ponte Caldelas

O abandono da finca do antigo Balneario de Ponte Caldelas chegou ao seu fin. O Concello, que adquiriuna o ano pasado á Sociedade de Reestruturación dos Activos Bancarios (SAREB), comezou a limpala de plantas invasoras ao tempo que ultima o expediente para sacar a concurso á construción e explotación da futura Estación Termal.

Unha brigada de operarios foi contratada para un intenso traballo de limpeza e retirada de varios centos de acacias que colonizaron a propiedade dende o derrubo da histórica edificación balnearia, do paseo que aí había ata o ano 2007, e os restos da capela de San Roque, construída por Benito Corbal en 1907.

As raíces das acacias, tras estes 11 anos de abandono, teñen deixado unha profunda pegada no terreo, polo que as labores comezaron pola corta das árbores, con vistas á retirada dos tocóns e unha limpeza final integral de toda a finca, de 7.612 metros cadrados. Os operarios teñen traballo para todo o mes, pois hai unha importante cantidade de materia vexetal que retirar. Ao tempo, a peculiaridade do terreo obriga a actuar con prudencia para non danar os muros e algunhas estruturas que aínda se conservan na propiedade do antigo Balneario.

A actuación xa permitiu descubrir a fonte na que as augas termais de Ponte Caldelas, declaradas de utilidade mineiro-mediciñal dende 1888, desembocan no río Verdugo. A fonte consiste nunha furna á que se accede por unhas escaleiras ata as que era case imposible chegar.

Por outra banda, a finca conta tamén coas bocas dos dous pozos que dan acceso ás bolsas de augas termais do subsolo. O Concello xa regularizou a situación das augas que, ao comezo do actual mandato municipal, estaban sen liberalizar e sen estar correctamente rexistradas.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) conseguiu culminar os trámites previos do expediente de contratación de cara a concesión da construción e explotación da futura Estación Termal caldelán. O expediente, que xa conta cun anteproxecto arquitectónico e un estudo de viabilidade económico-financeira, xa foi exposto ao público. Unha vez que sexa aprobado en Pleno, quedará listo para a licitación pública entre as empresas interesadas.