Noticias

O Concello solicita a Ethel Vázquez colaboración para urbanizar a estrada de Vilarchán

A Xunta transferiu o vial no mes de xullo nun pésimo estado de conservación


21 xaneiro 2020
Ponte Caldelas
Bacheo Vilarchán

O Concello de Ponte Caldelas ven de remitir unha carta á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para solicitar a colaboración da Xunta de Galicia para a urbanización da PO-108, un tramo da antiga estrada autonómica que a consellería transferiu ao concello o pasado mes de xullo nun pésimo estado de conservación.

Logo de coñecer a través dos medios de comunicación que a nomeada consellería aportará 800.000 euros ao Concello de Cerdedo-Cotobade para humanizar preto dun quilómetro do antigo tramo da estrada N-541, un vial de titularidade municipal que ten moitas similitudes coa carretera para a que o Concello de Ponte Caldelas solicita tamén diñeiro da Xunta de Galicia.

Logo de que o Concello solicitase no ano 2017 a transferencia do vial, a Xunta entregoullo ao concello dous anos despois, pero nun pésimo estado de conservación, cando o lóxico tería sido entregala coa capa de rodadura perfectamente pavimentada e urbanizada, como se fixo no 2014 cun antigo tramo desta mesma estrada no lugar de Tourón.

Son moitas as similitudes que existen entre o vial municipal que a consellería reformará en Tenorio coa PO-180 de Vilarchán, pois ambos son dous eixes urbanísticos e de comunicación dentro dos seus municipios. Vilarchán é un dos lugares máis poboados do concello e con máis posibilidades de expansión, sendo a estrada que circula polo seu interior empregada a diario tamén polos veciños dos lugares de Contixe e Mirón.

Cabe lembrar que o pasado mes de abril, o propio Concello asumiu un bacheado de urxencia nesta estrada logo de múltiples peticións veciñais dado o mal estado de conservación no que se atopaba. "É primordial humanizar unha das zonas de maior valor do municipio, mellorando o firme e dotándoo de medidas de seguridade para os peóns, polo que me gustaría que a conselleira se achegara a Ponte Caldelas e visitara comigo a estrada, para que puidese comprobar in situ a situación na que se atopa o vial e que xuntos poidamos executar unha obra de mellora tan necesaria e tan demandada polos veciños", indicou o alcalde á conselleira na carta que se lle enviou.

O Concello de Ponte Caldelas comprométese a financiar parte da obra, como se vai facer no veciño concello de Cerdedo-Cotobade, "porque considero que todos os municipios debemos ser tratados por igual, competir en igualdade de condicións e recibir fondos da Xunta de Galicia de xeito equitativo, segundo as necesidades de cada un dos concellos e non en función da cor política do goberno de turno, pois hai que recordar que nos debemos á cidadanía, non a un partido político nin a unha cor", lembra Díaz.