Noticias

O dominó trunfa ás beiras do Verdugo

Un total de 64 parellas participan na IX edición do Torneo Open Concello de Ponte Caldelas


08 abril 2018
Ponte Caldelas
Torneo de Dominó

A afección ao dominó en Ponte Caldelas volveu quedar de manifesto coa celebración da IX edición do Torneo Open Concello de Ponte Caldelas, que se celebrou esta fin de semana na vila do Verdugo.

A proba, que forma parte da liga galega, ten aquí a súa parada máis concorrida. Un total de 64 parellas, agrupadas á súa vez nunha vintena de equipos, moveron as fichas durante todo o sábado, en partidas de mañá e tarde para dilucidar os tres gañadores por parellas e os seis primeiros equipos.

A organización estivo a cargo da A.C.R. Verdugo Ponte Caldelas e contou co patrocinio do Concello de Ponte Caldelas, cuxo alcalde, Andrés Díaz, asistiu á comida a media xornada e entregou os trofeos aos gañadores. Entre os xogadores estivo, como é habitual, o concelleiro Lito Muíños.

A gran afluencia encheu completamente o local da discoteca Reivi, que acolleu por segundo ano unha celebración que vai a máis e mesmo incrementou a participación da última edición

A competición desenvolveuse polo sistema suízo e á fronte de todo o operativo estiveron os membros do comité organizador, José Benito Lorenzo e Rafael Villariño, todo coa supervisión do presidente da Federación Galega, Manuel Seoane; o secretario, José Fernández e o árbitro, Manuel Salgado.