Noticias

O luns 10 de maio comeza a reforma da Rúa da Ponte

En horas punta funcionarán os dous carrís de circulación. O resto das horas haberá un semáforo de obra para regular o tráfico


03 maio 2021
Ponte Caldelas
Obras na rúa da Ponte

O Concello de Ponte Caldelas inicia o vindeiro luns, 10 de maio, as obras de mellora da mobilidade peonil na Rúa da Ponte. O alcalde, Andrés Díaz, o equipo de arquitectos e a empresa adxudicataria dos traballos, Montajes Iglesias SL, visitaron esta mañá a rúa para revisar todos os detalles antes do comezo dos traballos, que se espera que duren o menor tempo posible para causar poucas molestias a veciños e visitantes.

A empresa confirmou ó alcalde que se respetarán as horas puntas para evitar retencións e por iso entre as 8.30 e as 9.00 e de 14.00 a 14.30 horas estarán funcionando os dous carrís de circulación. Trátase das horas de entrada e saída dos centros educativos do casco urbán que coinciden tamén coa hora de apertura e peche dos negocios e comercios da vila, polo que é importante que haxa fluidez de tráfico.

Durante o resto da xornada, un semáforo de obra regulará o paso de vehículos. A partir do luns, Ponte Caldelas sumará tres rúas en obras: a da Ponte, a Avenida de Galicia e a Estrada do Balneario. As tres seguen o ‘Modelo Ponte Caldelas': ampliarán as súas beirarrúas para gañar en seguridade vial e ordearán os aparcamentos para gañar máis prazas para os vehículos, como xa se fixo no Paseo da Calzada e como se fará nos vindeiros meses no parquing central de detrás da Ludoteca, que está en tramitación.