Noticias

Ponte Caldelas pecha con éxito a celebración da súa I Xuntanza Cabalar

Esta fin de semana a Carballeira da Chan en Caritel acolleu esta cita á que asistiron centos de xinetes de Ponte Caldelas e doutros concello. Andrés Díaz xa confirmou que haberá II edición e que chegará con melloras.


07 outubro 2019
Ponte Caldelas
Xuntanza Cabalar

Esta fin de semana o Concello de Ponte Caldelas organizou por primeiro vez na historia esta Xuntanza Cabalar que se desenvolveu na Carballeira da Chan en Caritel. Unha cita, organizada polo concello, e na que colaboran Hípica Rabaleira Atlántico Centro Ecuestre, Hípica Amazonas e Camino de Santiago a Caballo, Caminos Galicia.

A I Xuntanza Cabalar comezou o sábado pola tarde coa ruta cabalar na que participaron máis de 100 xinetes. Esta ruta contou cun percorrido de 22 quilómetros. Os pasos da Fraga, os Camiños Arrieiros, a Castrelada, os viveveiros de Pazos e o pincho na Calzada foron algúns dos espazos dos que puideron desfrutar todos os participantes nesta cita. Unha ruta que contou en todo momento coa presenza dun veterinario, que estivo na Xuntanza ao longo de toda a fin de semana, e tamén contou cun ferrador que ofreceu durante toda a ruta  asistencia para os participantes. Tralo percorrido os xinenetes puideron desfrutar da cea que tivo lugar na Carballeira da Chan en Caritel, e que contou coa actuación do Dúo Prisma.

Trala xornada do sábado, o domingo 6 de outubro a actividade comezou ás 10:30, na Carballeira da Chan en Caritel, coa exhibición de saltos, a cargo do Centro Ecuestre Atlántico, que deleitaron aos asistentes co seu espectáculo Jump&Run, unha especie de xincana realizada polos máis pequenos deste clube. Ás 11:00 foi a quenda da exhibición de doma, a cargo de Hípica Amazonas, que sorprendeu a todos os asistentes co seu carrusel hípico, esta hípica tamén amosou a dous dos seus mellores exemplares, a Belmonte Torre Luna, un cabalo que se atopa entre os 10 mellores do mundo, e a Soberano un dos sementais máis punteiro a nivel internacional. Ás 12:00 chegou un dos momentos máis divertidos da mañá, unha xincana de xinetes. Unha cita na que participaron 11 xinetes de Ponte Caldelas e a súa contorna. Os gañadores foron en primeiro posto Iván Garrido coa súa egua Cuca,  Iván fixo o percorrido da xincana en 40 segundos, como premio levou unha cabezada e un saco de pienso.  En segunda posición quedou Miguel coa súa egua Luna que fixo o percorrido en 44 segundos, o seu premio consistiu nun sudadoiro e unha fusta. E o terceiro posto foi para Alex, co seu cabalo John, fixo un tempo de 48 segundos e o seu premio foi unha fusta e unha cabezada. Dende o concello agradeceron a colaboración de Forrajes Salnés e Hípicas Gobi que foron os encargados de doar desinteresadamente os premios para esta xincanda da Xuntanza.

Unha Xuntanza Cabalar que ten como fin dar resposta a unha demanda das veciñas e veciños de Ponte Caldelas, un pobo, que tal e como lembra o alcalde "ten unha enorme tradición ecuestre". Díaz considera que "con esta xuntanza saldamos unha débeda con todos os amantes do cabalo do noso concello".

O alcalde agradeceu "a todas e todos por facer posible esta I Xuntanza, por colaborar, por estar e as veciñas e veciños por formar parte dunha cita tan importante para o concello". Díaz ten claro que "haberá II edición desta Xuntanza Calabar, unha xuntanza que seguro se volverá a celebrar o vindeiro ano en Ponte Caldelas e que chegará con melloras" .  O alcalde amosouse nesta xornada satisfeito do desenvolvemento da I Xuntanza Cabalar, e fixo un balance moi positivo da mesma. Unha cita que Andrés Díaz ten claro que "chegou para quedarse en Ponte Caldelas".