Noticias

Placeres Castellanos e Clotilde Fernández, mulleres homenaxeadas en Ponte Caldelas no 8 de marzo

O rueiro de Ponte Caldelas incorpora a dúas mulleres nacidas en Ponte Caldelas que loitaron e destacaron en tempos duros e difíciles


15 febreiro 2020
Ponte Caldelas
Placeres Castellanos

O Concello de Ponte Caldelas homenaxeará a Placeres Castellanos e Clotilde Fernández con motivo do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora. Placeres e Clotilde foron dúas mulleres nacidas en Ponte Caldelas que contan cunhas biografías espectaculares e que teñen máis que merecido un recoñecemento no concello que as viu nacer e no que tanto se implicaron persoal e laboralmente.

Ambalas dúas se incorporarán ao rueiro da vila. Placeres Castellanos dará nome á praza da Fonte do Chafarís, na encrucillada da Ludoteca Municipal e o Colexio Manuel Cordo Boullosa. A ubicación escolleuse porque foi unha muller vinculada ao mundo da Educación. Pola súa parte, Clotilde Fernández dará nome ao paseo do río que discorre dende a Praza de Fornelos ata o Balneario. Decidiuse esta ubicación pola súa intensa relación co río Verdugo, ao cal sacou rendemento para traer a luz eléctrica a Ponte Caldelas.

O Concello de Ponte Caldelas quere así facer xustiza e saldar unha débeda histórica con estas dúas mulleres tan importantes na historia do municipio, que foron, como moitas outras mulleres, invisibilizadas ao longo da historia. Tamén se trata dunha reivindicación para acadar un rueiro máis feminino, como demandan os novos tempos.

BIOGRAFÍAS

Placeres Castellanos Pan

Mestra, enfermeira, xornalista e guerrilleira. Naceu o 11 de xaneiro de 1896 en Ponte Caldelas. Casou co mestre e sindicalista Víctor Fraiz Villanueva, con quen tivo sete fillos: Milagros, Salustiano, Consuelo, Víctor, Vicente, Ramón e Manuel. En 1924 foi elixida secretaria do Comité de Represión e Persecución da Mendicidade e de Protección de Menores' e foi a primeira muller militante da Agrupación Socialista de Vigo (1933). O alzamento de 1936 sorprendeuna en Madrid, onde participaba nunha asamblea do ‘Socorro Rojo Internacional'.

Durante a Guerra Civil, cando fusilaron ao seu home e ao seu fillo Victor, de 19 anos, traballou como enfermeira en diferentes hospitais e en marzo de 1939 exiliouse a Sète (Francia). Alí colaborou coa Resistencia Francesa contra os nazis e posteriormente instalouse en Marsella, onde traballou como xornalista. O seu activismo feminista levouna a representar a Marsella no Congreso Internacional de Mulleres que se celebrou en París en novembro de 1945. Alí coincidiu con mulleres como Dolores Ibarruri, a Pasionaria, e outras moitas chegadas de todos os continentes.

Clotilde Fernández Orge

Unha muller emprendedora, moderna e visionaria de principios do século XX. Así era Clotilde Fernández Orge, máis coñecida en Ponte Caldelas como ‘Mamá Clotilde', a muller que, en 1907, trouxo a luz eléctrica a Ponte Caldelas. Casou co médico José Estévez e tivo con el dez fillos. Do seu home precisaba a sinatura para poder sacar adiante todos os negocios que ela emprendía e dirixía nunha época na que as mulleres tampouco tiñan dereito ao voto.

Clotilde herdou do seu avó sete muiños a carón do río Verdugo e puxo en marcha un auténtico complexo industrial neles: polo día aproveitaban a forza da auga para que o aserradeiro traballase a madeira e de noite funcionaban como turbina para dotar de luz eléctrica á vila. Mamá Clotilde foi toda unha matriarca: gran personalidade, moderna, moi adiantada ao tempo no que vivíu e cun gusto exquisito que aínda hoxe segue visible na Casa Indiana que mandou construir a carón do río Verdugo en 1896.