Noticias

Ponte Caldelas acollerá o 2019 3 Wall Paddleball European Championships este sábado 12 de outubro

A cita terá lugar na pista de pádel de Chan da Barcia e nela participarán un total de 12 deportistas desta modalidade


11 outubro 2019
Ponte Caldelas
Paddleball

Este sábado Ponte Caldelas acollerá o 2019 3 Wall Paddleball European Championships na pista de pádel de Chan da Barcia. Unha cita que organiza a Asociación Galega de Paddleball, Racquetball e Modalidades Asociadas con sede en Pontevedra coa colaboración do concello de Ponte Caldelas.

Dende a organización salientaron que esta asociación é a única existente a nivel galego, español e europeo. 

Un total de 12 participantes formarán parte desta competición, participantes chegados todos eles de distintos puntos da provincia de Pontevedra. Trátase dunha cita que terá lugar dende as 11:00 da mañá ata as 13:30 hora na que se procederá a entrega de trofeos aos gañadores.

Dende a organización e dende o concello animan a todo o mundo a que se achegue ata Chan da Barcia para coñecer máis sobre este deporte, un deporte parecido ao frontón español ou pelota vasca, pero que se xoga nunha pista máis pequena, de pouco máis de 10 metros de longo, lanzando a pelota contra unha parede de 6 metros de ancho por 5 de alto. A pala para xogar é moi similar ás de pádel pero un pouco máis fina.

O paddleball practícase na actualidade en Estados Unidos, en Puerto Rico e aquí en Pontevedra. Así que mañá, sábado 12 de outubro, tendes unha oportunidade de descubrir e coñecer de primeira man este peculiar deporte.