Noticias

Ponte Caldelas aproba definitivamente o Orzamento municipal, que sobe ata os 3,8 millóns de euros

O Goberno local destaca o forte acento social dunhas contas nas que a partida que máis crece é a do Servizo de Axuda no Fogar


15 marzo 2019
Ponte Caldelas
Ponte Caldelas

O Orzamento de Ponte Caldelas para 2019 xa está en vigor. O Concello celebrou onte o Pleno que declarou a súa aprobación definitiva cos votos do equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) e a negativa do PP. As contas municipais soben un 8,51% e alcanzan a cifra de 3.808.523,40 euros impulsadas polo crecemento na recadación municipal.

O documento non recibiu ningunha alegación na súa fase de exposición pública polo que o Pleno limitouse a dar conta e a unha votación na que non houbo ningunha intervención.

Os Orzamentos teñen un claro acento social, pois inclúen un importante crecemento na partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O Concello, que está a licitar o novo contrato tralo remate do anterior, prevé que pase dos 170.000 euros anuais a 225.000 euros. Ao mesmo tempo mantén os 30.000 euros para axudas de Emerxencia Social, crea unha partida de 15.000 euros para cursos de mellora da empregabilidade e mantén os 12.000 euros de axudas directas á comunidade educativa, entre outras medidas.

Finalmente, o alcalde, Andrés Díaz, informou de que durante a exposición pública detectouse un erro na contabilización da débeda municipal, toda vez que non se tiña repercutido a amortización producida durante o ano 2018. Deste xeito, a débeda real ao peche do exercicio pasado non é de 1.396.000 euros, senón de 1.255.895 euros. Ao remate deste ano 2019 quedará en 1.084.385 euros, é dicir, unha cifra practicamente equivalente á atopada ao comezo do actual mandato municipal e iso a pesar dos fortes investimentos realizados e da asunción de operacións tan ambiciosas como a compra da finca do Balneario, que de por si soa, supuxo un desembolso de 278.300 euros.