Noticias

Ponte Caldelas celebra o 8 de marzo cun coloquio en feminino e con literatura con sinatura de muller


07 marzo 2019
Ponte Caldelas
Concello de Ponte Caldelas

"Verbas de mulleres no 8 de marzo". Así chámase o acto que o Concello de Ponte Caldelas celebrará mañá, venres, a partir das 19.30 horas na Casa da Cultura, con motivo do Día da Muller.

A celebración institucional do Goberno formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, comeza cunha presentación a cargo da concelleira Pilar Couto.

A continuación, charla-coloquio con mulleres que traballan ou traballaron en sectores profesionais concretos: condutora de autobús, medio ambiente, hostalaría, etcétera. Será moderada pola traballadora municipal Elvira Crespo.

Na seguinte actividade Ana Vilariño, responsable da Biblioteca Municipal presentará diversos libros escritos por mulleres e que forman parte do fondo bibliográfico da biblioteca caldelá. Será un repaso por tódolos xéneros e sempre con sinatura de muller. Estas obras formarán parte da exposición "Verbas de Mulleres" que será instalada na sala de exposicións e permanecerá ata o 20 de marzo.

O Concello habilita un libro en  branco para que tódalas persoas que mañá participen no acto ou que visiten a exposición durante os próximos días podan plasmar nel as súas arelas ou reflexións sobre a igualdade, a loita de xénero ou as barreiras que aínda teñen que superar as mulleres.

O acto institucional contará cunha breve actuación do cantautor Manoele de Felisa.